EconomíaEconomíaÚltima hora

O alcalde do Barco reclama atención para as comarcas do interior nos plans de recuperación

O rexedor valdeorrés participaba esta mañá na comisión executiva extraordinaria do Eixo Atlántico celebrada en Viana do Castelo

Viana do Castelo acollía na mañá deste 5 de xullo unha comisión executiva extraordinaria do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular na que participaron por primeira vez os presidentes das Comisións Políticas creadas en virtude das conclusións da Conferencia de Alcaldes de Pontevedra así coma os expertos de alto nivel de cada comisión.

No decurso do encontro debateuse monograficamente sobre os plans de recuperación e resiliencia pospandemia de Portugal e de España, e do papel que as autoridades locais xogaron na xestión da crise e por tanto a que deben de xogar tamén na xestión dos fondos para a recuperación dos efectos da crise.

No debate, que se alargou máis de 3 horas, chegábase a tres conclusións principais. A primeira delas era que “os concellos xogaron un papel determinante na xestión da crise, dende os servizos básicos á poboación, incluíndo servizos sociais e educativos, a subministración á poboación de alto risco, as axudas a Pemes e autónomos, até a motivación e o mantemento do estado de ánimo colectivo nun momento extremadamente duro para o que ninguén estaba preparado”.

Neste senso, segundo os participantes, “os concellos deben xogar un papel relevante na primeira liña da xestión dos fondos, incluíndo a aceptación das súas propostas sobre actuacións a financiar xa que son os mellor coñecedores das necesidades dos seus territorios e dos seus cidadáns”.

En terceiro lugar, no encontro evidenciouse “un déficit común, tanto en España, como en Portugal sobre o nivel de participación dos concellos, non só pola abertura dos gobernos cara a esta, senón tamén pola escasa aceptación de propostas provenientes dos mesmos”. E, ademais, constatouse que “tanto o programa español como o portugués, remitidos á Comisión Europea, integran os eixos principais que a Conferencia de Alcaldes do Eixo Atlántico identificou como prioridades para a saída da crise, en Pontevedra, o pasado ano. Desde esa óptica os alcaldes manifestaron o seu acordo cos eixos prioritarios de ambas as propostas portuguesa e española, aínda que lamentan que en moitos casos non se concretasen nas remitidas polos concellos”.

Nesta comisión tamén se amosaba que “existe unha preocupación maioritaria sobre a eficiencia e o resultado dos fondos, xa que non responde maioritariamente a iniciativas innovadoras que desde o ámbito das cidades e os cidadáns contribúan á recuperación da economía. Igualmente existe o risco de que os fondos se atribúan a obxectivos que non se corresponden coa crise e mesmo empresas que estaban en crises antes da pandemia”.

E que, do mesmo xeito, “existe unha gran preocupación sobre o aproveitamento dos fondos ou a posible perda dun volume importante polas trabas burocráticas que os sistemas que se están deseñando poidan levar, polo tanto, considérase da maior urxencia e importancia reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión destes fondos, tanto na súa programación como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados. Esta é unha situación que se produce tanto a nivel do goberno portugués comado español e da Xunta de Galicia”.

Entre os participantes nesta xuntanza estaa o alcalde do Barco, Alfredo García, quen interviña para manifestar que no reparto de fondos non se pode esquecer ao interior de Galicia nin o abandono do territorio, “porque todos os eixos, coñecemento, innovación, renovación e mobilidade, transición ecolóxica ou dixitalización, por poñer algúns, nos afectan”. “Hai que poñer en valor as comarcas, e apostar por elas instalando empresas que fixen poboación”, concluía Alfredo García.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button