En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O alcalde popular rues terá dedicación parcial e unha das súas edís dedicación exclusiva

Así se aprobaba no pleno de organización, cos seis votos a favor do PP e do RUA e cos cinco votos en contra da oposición do BNG e do PSdeG-PSOE

Na tarde do 11 de xullo a Corporación da Rúa, que preside o popular Álvaro Fernández, celebraba o pleno de organización para esta nova lexislatura. Entre os puntos da orde do día figuraban o reparto de concellerías, que serán un total de seis, das cales cinco corresponderánlle ao PP e a restante do RUA, despois do acordo que asinaban as dúas formacións políticas unhas horas antes.

O reparto de concellerías será o seguinte: Economía e Facenda será ocupada por Teresa Varela; a área de Urbanismo, Obras e Mantemento será asumida polo alcalde; Raúl Yáñez levará Medio Ambiente, Desenvolvemento Rural e Patrimonio, e, finalmente Joana Gómez ocuparase dúas concellerías: as de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a de Persoal, Emprego e Réxime Interior. Ademais o independente José Vicente Solarat será o edil de Cultura, Turismo e Deportes. A xunta de goberno local estará formada polo alcalde máis tres concelleiros: Teresa Varela (que será a primeira tenente de alcalde), Joana Gómez (segunda tenente de alcalde) e José Vicente Solarat.

 

O alcalde rues Álvaro Fernández.

 

Un dos puntos que suscita especialmente o debate era o da dedicación parcial do alcalde e o da dedicación total da concelleira popular Joana Gómez. A dedicación parcial do alcalde será de 23 horas e media á semana e suporá un gasto para o Concello de 31.824 euros ao ano, mentres que a dedicación total da edil implicará un gasto anual de 22.100,40 euros.

Este punto saía adiante cos votos a favor do PP (4) e do RUA (2), mentres que os tres edís do BNG e os dous socialistas votaban en contra. No caso do BNG, a súa voceira municipal, María Albert, argumentaba o seu voto en contra sinalando que hai un par de días o alcalde falaba “dunha débeda inasumible para o Concello e mesmo de que habería que pedir axuda externa e agora o primeiro que fan é duplicar o número de dedicacións do Concello. O anterior alcalde, Luis Gudiña, non cobraba nada do Concello en concepto de salario e a partida destinada a gastos de persoal estaba completa, pero esta situación non vai ser a mesma no exercicio que vén. De 41.000 euros dunha partida de salarios pasamos a 54.000 euros, é un 37% máis de custo para o Concello”, dicía a concelleira nacionalista.

De xeito similar se manifestaba o voceiro socialista, Luis Fernández Gudiña. “Votamos en contra por coherencia”, indicaba, “se no anterior goberno tiñamos unha dedicación exclusiva, non podemos apoiar agora unha parcial e outra exclusiva. O PP presenta unha incongruencia cando está na oposición e cando goberna, fala dunha gran débeda, pero a súa primeira medida é incrementar o gasto para os próximos catro anos”.

O alcalde rues defendía a súa proposta e indicaba que a dedicación “parcial é simplemente a nivel institucional pero a dedicación real é total, non se vai limitar ao horario laboral que se establece. Con relación á concelleira, ela vai ter dedicación exclusiva porque o Concello así o require, repectamos o teito de gasto e se houbera que tomar algunha medida e rectificar, rectificaríamos”.

Pola súa banda, José Vicente Solarat, voceiro do RUA, tamén afirmaba que “este é un acordo de retribución para este exercicio, é posible que teñamos que rectificar as partidas e isto non ten efecto retroactivo, será a partir de hoxe”.

Durante a sesión tamén se aprobaban, entre outros puntos, as comisións informativas, a súa periodicidade e membros, así como as sesións plenarias ordinarias, que se celebrarán o primeiro luns de cada mes impar ás 20:15h.

 

Artigos relacionados

Back to top button