PolíticaÚltima hora

O alcalde socialista de San Xoán de Río encabezará a lista do PP nas vindeiras municipais

Luis Castro iniciará deste xeito unha nova etapa política noutro proxecto que “entendo vai ser máis beneficioso para Río pola extensa traxectoria e experiencia de goberno que ten o Partido Popular”
O presidente do PP provincial co candidato deste partido á alcaldía de San Xoán de Río.

Repetirá como candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais no concello de San Xoán de Río, pero en lugar de encabezar a lista do PSdeG, como no 2015, estará á fronte da do PP. Cunha nota de prensa vén de anunciar esta formación política ao seu novo candidato en Río, o actual alcalde Luis Castro Álvarez.

O presidente provincial, Manuel Baltar, louba neste comunicado o compromiso do tamén rexedor co seu territorio e os seus veciños, “sumándose a un proxecto político que defende como ninguén aos pequenos concellos, non só como territorios singulares senon tamén como parte dun proxecto máis amplo e ambicioso que é o de provincia”.

Luis Castro inicia unha nova etapa política logo de vinte anos traballando no ámbito municipal, primeiro como concelleiro, logo como tenente alcalde e neste mandato presidindo a corporación local, aínda que xa exercera esta responsabilidade durante dous anos logo das eleccións de 2007.

Vinculado profesionalmente ao mundo empresarial, as premisas das que parte o candidato son “seguir crecendo e manter a ilusión coa que sempre facemos as cousas, agora noutro proxecto que entendo vai ser máis beneficoso para Río pola extensa traxectoria e experiencia de goberno que ten o Partido Popular”.

Cos axustados recursos dos que dipoñen, Castro sinala que necesitan darlle un impulso aos servizos municipais, infarestruturas e comunicacións, “pero tamén ao sector económico que é o que vai conseguir un concello máis dinámico”. Neste sentido cita a agricultura e a gandeiría, “en particular no tocante á carne e ao leite, xa que pode ser unha alternativa de futuro para os mozos“.

A incorporación á filas populares de Luis Castro “vai significar unha alternativa de progreso e de futuro para Río”, afirma Manuel Baltar, destacando a “valía como persoa do xa candidato do PP, moi ben considerado como xestor e alcalde”.

Explicou o presidente provincial que “Río ten moito potencial como concello, pero tamén no conxunto da comarca, por iso fixemos esta importante aposta para as próximas eleccións e para un novo mandato”. A veciñanza ten que ver que desde o PP non nos limitamos a apoiar outras infraestruturas destacadas, como a estación de inverno de Manzaneda, senón que tamén loitamos polo rural, por potenciar o sector primario e facilitar a vida nos pequenos concellos, en particular naqueles situados en zonas de alta montaña por ter unhas condicións especificas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button