CulturaCulturaEducación

O alumnado da provincia traballará sobre Casares e a Casa dos Poetas na “Semana das Letras Galegas”

A Deputación editou un manual que empregará o profesorado de máis de 60 centros ourensáns de Secundaria
Mercedes Pacheco, Rosejdo Fernández e Llerena Perozo. // Foto: Carlos Asensio. 

Case 9.000 alumnos de Educación Secundaria da provincia van participar na cuarta “Semana das Letras Galegas” organizada pola Deputación. En total 68 centros de secundaria (públicos e concertados) “presentáronse a esta iniciativa de xeito voluntario”, destacou Llerena Perozo, coordinadora desta campaña, na presentación de hoxe, 9 de maio, no Pazo Provincial canda a o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e a autora da antoloxía “Carlos Casares e a Casa dos Poetas”, Mercedes Pacheco, que se entregará nesta semana aos centros para que traballen.

Esta semana das Letras Galegas arrancará, dixeron, o 8 de maio e rematará o 16. En total, 372 docentes realizarán cos rapaces distintas actividades para o día das Letras Galegas e por iso a Deputación quíxose sumar a estas actividades “con este libro basicamente literario que vén ilustrado con fotografías a cor e reproducións de obras dos artistas premiados”, explicou Rosendo Fernández.

A coordinadora da actividade, Llerena Perozo, explicou que este manual é unha ferramenta que ten como obxectivo “coñecer máis de preto a produción, tradición e cultura literarias da provincia”. Este libro preséntase, dixo, en forma de manual e vai acompañado por unha guía de actividades para o profesorado para traballar “tanto na materia de lingua e literatura galegas como noutras áreas”, explicou. Asemade, “independentemente de que o centro traballe con todos os cursos ou con só un”, contou Llerena, ao final do manual “hai proposta unha actividade conxunta de conmemoración do día das letras galegas o día 16 de maio”, porque o 17 é o festivo.

En canto aos contidos, a autora, Mercedes Pacheco, contou que para buscar a unión de Carlos Casares á creación literaria ourensá “descubrín que foi galardoado co premio Celanova-Casa dos Poetas”, explicou, e entón “busquei todos os autores que, xunto con el, foron galardoados con este premio que se creou no ano 85”. Entre eses autores están, por exemplo, Xosé Luís Méndez Ferrín. “En total son 12 persoeiros”, dixo Mercedes.

Unha das novidades que presenta este manual é que “non se centra no eido da literatura, senón que tiven a oportunidade de meter as artes plásticas e o cinema, porque nesta antoloxía, ademais de Ferrín ou Cid Rumbao, están incluídos Virxilio, Quesada, Acislo ou Carlos Velo, que tamén foi premiado “, explicou. En canto á estrutura, Mercedes Pacheco fai unha pequena semblanza de cada persoeiro na que se presentan aspectos biográficos e da súa obra e, no caso dos artistas plásticos, “meto as características da súa obra, as súas exposicións máis salientables e un cadro para que os alumnos vexan unha mostra da súa creación”. Logo diso, cada un dos autores ten unha escolma da súa produción literaria “sendo a de Carlos Casares a máis ampla xa que é o homenaxeado deste ano”, dixo.

 

Artigos relacionados

Back to top button