Segundo informan dende a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o alumnado galego de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de ciclos Medio e Superior de FP “poderá volver ás aulas de xeito voluntario a partir do vindeiro 25 de maio”. A decisión tomouse logo da Conferencia Sectorial de Educación, presidida hoxe pola ministra Isabel Celaá, e na que houbo “un consenso maioritario en que unicamente se retomen as clases nos cursos superiores que titulan”.
Segundo avanzou Celaá, as comunidades “recibirán nestes días recomendacións sanitarias para a reapertura parcial dos centros educativos e para o desenvolvemento das probas de acceso á Universidade. Ademais, a ministra comprometeuse a “enviar tamén nos vindeiros días o protocolo sanitario deseñado polo Goberno central para os centros educativos de Ceuta e Melilla, co obxectivo de que poida servirlles de referencia ás comunidades autónomas”.
Dende a Xunta aseguran que Galicia demandou en reiteradas ocasións un protocolo sanitario específico para o ámbito educativo, avalado polos ministerios de Educación e de Sanidade, como “paso previo para organizar a volta as aulas que, segundo estableceu o Goberno central, podería producirse a partir do 25 de maio nas comunidades autónomas que avancen á denominada Fase 2 do plan de reactivación cara á nova realidade”.