Publicidade
OurenseÚltima hora

O amarradoiro en granito do Castro de Troña, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico de Ourense

Amarradoiro de granito do Castro de Troña (Pontevedra)./ Foto: Fernando del Río.

 

Tallado en granito, o amarradoiro do Castro de Troña (Pías, Ponteareas, Pontevedra), datado entre o I a.d.C. e o s. I d.C., presenta nos laterais e na fronte unha decoración, pouco habitual, de rombos concatenados que conflúen no remate da peza, lembrando unha serpe.

Este elemento arquitectónico, considerado singular dentro dos utensilios do mundo castrexo, vén de ser escollido como “Peza do Mes” de xuño polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Aparecía arredor do ano 1929 nas escavacións arqueolóxicas do Castro de Troña dirixidaspor Luís Pericot García e Florentino López Cuevillas.

Posúe unha forma singular: cun brazo transversal (de 19 cm) e outro ascendente (15 cm). Algo que o aparta da súa función meramente práctica e relaciona con outros dous amarradoiros con decoración zoomorfa atopados nas escavións do Monte do Facho (O Hío, Cangas), realizadas por José Suárez.

No seu artigo “A arquitectura sacra na cultura castrexa”, publicado en Portugalia, no ano 2015, conclúese que trescentos anos antes do santuario galaicorromano do deus Berobreo, “todo o castro era un complexo relixioso, con pequenos templos dedicados ás deidades galaicas e espazos para banquetes rituais. As casas e construcións que se ven nas terrazas son pequenos templos dedicados a deidades concretas relacionadas con animais. Os amarradoiros serían exvotos que se ofrecían como conmemoración dun voto ou promesa por algunha graza recibida. Un deles asociado a un xabaril, outro a un carneiro; animais que por outra banda non son alleos á cultura castrexa”, tal e como recolle a investigadora Ana María Veiga Romero, no traballo publicado sobre esta “Peza do Mes” polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

No citado artigo do ano 2015 os amarradoiros interprétanse como exvotos que se ofrecían como conmemoración dun voto ou promesa por algunha graza recibida. Para Veiga Romero esta teoría reforzaríase polo feito de que dos amarradoiros coñecidos “ningún presenta desgaste da corda, nin mostran sinais de apoio e a súa decoración consérvase moitas veces intacta, polo que parece inviable o seu uso como obxecto unicamente utilitario”. E esta investigadora pregúntase se o do Castro de Troña tería a mesma función.

Como vén sucedendo dende a declaración da pandemia do coronavirus, tampouco en xuño se fará unha conferencia sobre a “Peza do Mes”. “Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación co Covid-19, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura xa está aberta ao público, cancélanse as actividades presenciais polo que non se fará a Presentación da Peza do Mes”, segundo confirma o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close