Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Pandigueiro, acompañado pola música das Macizas Centrais, chega a Trives

Seguindo unha pequena ruta dende a vila, esta figura do Nadal guiaba a nenos e maiores ata a súa casiña nun castiñeiro e alí contáballes como é a súa vida

Na tarde do3 de xaneiro o Apalpador ou Pandigueiro (nome que recibe nas Terras de Trives) visitaba a vila trivesa e convidaba a nenos e maiores a visitar a súa casa, no medio dun souto. Neste traxecto, este personaxe do Nadal galego estaba acompañado tamén pola música das Macizas Centrais.

Esta pequena ruta partía ás catro da tarde de onde dende a praza do Pilón. Nela medio cento de persoas (entre cativos e adultos) seguían os pasos deste vello carboeiro ata a súa casiña no oco dun castiñeiro no medio do bosque. Unha vez alí descubrían como era a súa vida cotiá e quen eran os axudantes que lle facilitan o traballo.

Esta actividade con forma de conto ben participativo completábase regresando ao punto de partida, a praza do Pilón, onde se agasallaba aos participantes cunha merenda a base de bica. Ademais o Apalpador agasallaba a cada meniño cun marcapáxinas de madeira de cores.

“Foi unha tarde de tradicións, música, contos, natureza e moita moita ilusión nas cariñas dos nenos”, aseguran dende a organización desta actividade, en mans das Tiriteiras de Marear e do Concello da Pobra de Trives.

Fotos: Concello da Pobra de Trives.

 

Artigos relacionados

Back to top button