CD ArenteiroDeportesFútbolÚltima hora

O Arenteiro vence en Calabagueiros e lévase o VI Trofeo Miguel Fariñas do Barco

Co 1-4 remataba o partido de pretempada disputado na tarde deste sábado 28 de agosto

 

Durante varias tempadas o CD Barco e o CD Arenteiro foron rivais na liga, pero na deste ano que comezarán en setembro, xogarán en categorías diferentes tralo ascenso do equipo do Carballiño á Segunda RFEF. Por iso non quixeron perder a oportunidade de enfrontarse unha vez máis no terreo de xogo, e non nun partido de pretempada máis, senón no Memorial Miguel Fariñas que este ano chegaba á VI edición.

 

Os trofeos do VI Memorial Miguel Fariñas.

 

Así, na tarde deste sábado 28 de agosto, un Arenteiro invicto no que vai de preparación, saltaba ao terreo de xogo disposto a levantar a Copa e vaia se o facía. Adiantábanse no marcador grazas a un penalti transformado por Renán, rematando a primeira metade co 0-1 aínda que tralo paso polo vestiario Ivi Vales marcaba o gol do empate e o único dos locais nesta tarde. No minuto 60 Raúl marcaba o segundo tanto verde e só dous minutos despois marcaba Álex Fernández, poñendo o 1-4 Adrián Cruz rozando xa o final do encontro non exento de tensión.

 

Ivi Vales controla o balón para o Barco.

 

Con este resultado, o CD Arenteiro que remataba hoxe a pretempada, convertíase no flamante campión do VI Trofeo Miguel Fariñas. A vindeira semana, os de Fran Justo comezarán xa a liga en 2ª no campo do Arousa.

Pola súa banda, o CD Barco de Javi Rey suma a primeira derrota da pretempada tras tres empates. A seguinte cita será de novo amigable contra o Ponferradina B o vindeiro 1 de setembro.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button