ConcellosÚltima horaVerín

O artesán Gerardo Fernández deseña o Premio do Público do FIC cunha lembranza ao seu fillo “Geri”

O deseño recrea unha bicicleta e unha cámara en memoria de Gerardo Fernández Pousada, falecido hai tres anos

Gerardo Fernández, co Premio do Público do FIC./ Foto: FIC Via XIV Verín.

 

O Premio do Público que se entregará no decurso do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV 2020 será obra nesta edición do artesán de Verín, Gerardo Fernández. Así o vén de anunciar a organización desta mostra.

O ebanista e escultor quere, con este deseño, honrar a memoria do seu fillo Gerardo Fernández Pousada, “ Geri”, falecido fai tres anos, xunto ao cal creou a emblemática firma Ciclowood. Unha empresa que se dedicou a producir bicicletas de madeira de maneira artesanal, con moita demanda en todo o mundo.

O deseño deste premio recrea unha bicicleta e unha cámara para “evocar o cinema” e, ao mesmo, tempo render tributo ao seu fillo “coa recreación dun elemento que el levaba moi dentro”. Para o autor do Premio do Público, “o FIC e Ciclowood comparten un gran elemento común: quixeron e queren levar o nome de Verín a todos os recunchos do mundo, o máis lonxe posible”.

Gerardo Fernández está seguro de que o seu fillo aplaudiría enormemente a iniciativa de deseñar este galardón e faríao “con humildade e agradecemento, porque eran dous das súas características máis significativas”.

O Premio do Público é outorgado cada ano polos asistentes ás diversas sesións do FIC Vía XIV que, coas súas puntuacións, valoran cal é o curto merecedor deste galardón.

Artigos relacionados

Back to top button