CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

O artista David Lamelas, con orixes en Manzaneda, exporá no Centro Galego de Arte Contemporánea

A súa mostra, titulada "David Lamelas. Lonxe América", poderá verse en xullo en Santiago. Antes, o 29 de abril presentase no museo unha publicación deste autor, nacido en Bos Aires

O artista David Lamelas, con raíces en Manzaneda, no Castiñeiro de Pombariños./ Foto: CGAC.

 

A través da súa faceta como creador, David Lamelas (Bos Aires, 1946), figura clave da arte conceptual e un dos grandes protagonistas da escena artística arxentina na década dos sesenta, reencóntrase agora coa súa terra de orixe, Galicia, a través da mostra “David Lamelas. Lonxe, América”, que se inaugurará o próximo mes de xullo no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Pero antes, no marco desta exposición, presentarase o vindeiro 29 de abril ás 19h. a reedición dun traballo histórico deste artista con orixes en Borruga (Manzaneda), o seu libro Publication (1970). Esta é unha obra “clave da arte conceptual, representativa da introdución da linguaxe oral e escrita no contexto das artes visuais e exemplo dos “libros de artista” creados naquela época, que xogaron un papel fundamental na denominada “ desmaterialización” da obra de arte”, tal e como se destaca dende o CGAC.

Na presentación, que terá lugar no auditorio do CGAC, os artistas David Lamelas e Mario García Torres dialogarán, xunto co director do centro, Santiago Olmo, e o comisario da mostra, Pedro de Llano Neira, sobre o contexto no que xurdiu a obra así como sobre a súa actualidade. Publication ten sido traducida ao galego e ao castelán para a ocasión e reúne unha serie de propostas de artistas e críticos como Robert Barry, Marcel Broodthaers, Daniel Buren, Ian Wilson e Lucy Lippard, entre outros.

 

Edición de “Publication” que se presentará o 29 de abril./ Foto: CGAC.

 

“David Lamelas. Lonxe, América”

A exposición de Lamelas que poderá verse este verán no CGAC é a súa primeira retrospectiva en España, logo da dedicada á súa obra fílmica polo Centro José Guerrero de Granada en 2009. Está comisariada por Pedro de Llano, e nela poderá seguirse a evolución do seu traballo a través de distintas etapas, desde os inicios a primeiros dos sesenta en Bos Aires ata o momento presente.

“Vaise incidir en dúas cuestións importantes: a relación de Lamelas con Galicia (os seus pais emigraron desde Manzaneda e Castro Caldelas durante a Guerra Civil) e a importancia do proxecto e mais do debuxo na súa práctica artística ao longo de toda a súa carreira; ben sexa como debuxos autónomos, como sucede na serie Aleph (1986-1989), ou como medio para desenvolver unha idea, no ámbito escultórico, fotográfico, fílmico ou arquitectónico”, segundo destaca o CGAC.

Ademais, esta mostra propón “un diálogo virtual coa obra doutros artistas conceptuais” que pasaron antes polas salas do CGAC, e que conforman unha parte importante da historia e da identidade do museo, algúns dos cales foron próximos a Lamelas, como Marcel Broodthaers (Cinéma, CGAC, 1997-1998) ou Bas Jan Ader (In Search of the Miraculous. Treinta años después, CGAC, 2010).

Con motivo desta exposición editaranse dous volumes. O xa citado Publication e un catálogo cunha colección de textos de David Lamelas (algúns inéditos) e outros encargados para a ocasión a historiadores da arte que se ocuparán de distintos aspectos na súa traxectoria: a relación con Galicia, a fotografía, o cinema, o debuxo, etc.

Artigos relacionados

Back to top button