ConcellosEn portadaManzanedaTrivesÚltima hora

O artista David Lamelas volve ás súas raíces nas Terras de Trives

Este prestixioso creador presentaba na vila trivesa a súa primeira retrospectiva en España

 

Nun fermoso e sentido acto, que se desenvolvía na tarde do 28 de xullo no Auditorio Julio Vázquez de Trives, o creador arxentino David Lamelas volvía ás terras dos seus pais para presentar a súa primeira retrospectiva en España. Titúlase “David Lamelas. Lonxe, América” e pode verse dende finais deste mes no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago. Neste acto, estaba acompañado polo comisario da exposición, Pedro del Llano, así como pola alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, e polo rexedor de Manzaneda, Amable Fernández.

“Onte vivimos unha xornada marabillosa. David Lamelas agasallounos coa proxección de unha das súas películas e rematamos o acto con un distendido coloquio, propio dun home emocionado por voltar a súa terra que desbordaba humildade a pesares de ser un auténtico xenio das artes”, destaca a alcaldesa de Trives.

Na súa intervención o artista desvelaba detalles da exposición como que nela pode verse un dos debuxos que realizaba en Borruga (Manzaneda) cando era un cativo. Esta era a aldea da súa nai, mentres que a súa familia paterna era de Castro Caldelas. Contaba que moitos dos debuxos que fixo anos atrás en Borruga eran, sobre todo, de mulleres con siluetas de roupa xeométrica, gustáballe moito a moda española e daquela inspirábase en Balenciaga.

 

 

A súa retrospectiva poderá visitarse ata o 3 de outubro no centro compostelán. Nela pode seguirse a evolución do seu traballo a través de distintas etapas, desde os inicios a primeiros dos sesenta en Bos Aires, ata o momento presente.

“Vaise incidir en dúas cuestións importantes: a relación de Lamelas con Galicia (os seus pais emigraron desde Manzaneda e Castro Caldelas durante a Guerra Civil) e a importancia do proxecto e mais do debuxo na súa práctica artística ao longo de toda a súa carreira; ben sexa como debuxos autónomos, como sucede na serie Aleph (1986-1989), ou como medio para desenvolver unha idea, no ámbito escultórico, fotográfico, fílmico ou arquitectónico”, segundo destaca o CGAC.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button