CulturaCulturaÚltima hora

O artista local Fernando Barreira, autor do cartel do Entroido 2022 de Verín

A obra dábase a coñecer esta mañá nun acto que contou coa presenza do creador e do alcalde

Gerarde Seoane, alcalde de Verín e Fernando Barrera, autor do cartel, na presentación. /Foto: Concello de Verín.

 

O Entroido 2022 de Verín quenta motores coa presentación da súa imaxe oficial, o cartel desta edición que era presentado na mañá deste xoves 3 de febreiro na vila do Támega polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e polo seu autor, o artista local Fernando Barreira.

Segundo explicou Fernando Barreira, con esta obra -realizada con tinta directa e utilizando papel fotográfico, cartolina e acuarela- búscase, a través das súas cores, recuperar o espírito festivo a alegre destas tradicionais festas tras un longo período de restricións derivadas da pandemia.

O cartel conta con varias ilustracións onde aparecen reflectidas certas figuras que, no seu conxunto, representan a esencia do Entroido de Verín. No centro atopámonos, como non podía ser doutra maneira, co personaxe máis icónico do Entroido de Verín, o cigarrón, reinterpretado baixo a mirada do autor. Tamén teñen especial relevancia o tradicional capuchón e, a modo de antagonista, a figura dunha moza disfrazada de geisha. Segundo Barreira, “ambas as imaxes son a viva representación do noso Entroido; un máis tradicional e outro máis moderno, convivindo en harmonía”. Na parte superior sitúase un touro travestido, que nos lembra o carácter transgresor desta celebración; e un diaño, “que representa o espírito propio de burla e picaresca que se respira durante estes días de festa”, destacou Barreira.

Pola súa banda, Gerardo Seoane lembrou que “aínda que sabemos que este ano o Entroido non terá a intensidade que nos gustaría, con este cartel de primeiro nivel queremos demostrar que dende a organización farase un esforzo extra para manter toda a esencia, forza e alegría que o caracteriza”.

A obra orixinal do cartel pasará a quedar exposta permanentemente nalgún dos espazos públicos do Concello.

Artigos relacionados

Back to top button