CulturaCulturaÚltima hora

O artista ourensán Xosé Poldras expón na Casa dos Poetas de Celanova

Baixo o título "Gravados e monotipos para a Xeración Nós", esta mostra estará aberta ata o 31 de outubro

 

Dende hoxe e ata o 31 de outubro, a Casa dos Poetas de Celanova acolle unha nova mostra do artista ourensán Xosé Poldras.

Baixo o título “Gravados e monotipos para a Xeración Nós”, esta exposición consta de dúas partes: sete monotipos e unha carpeta de con gravados. Tal como explican dende a Fundación Curros Enríquez, os monotipos “son imaxes estampadas nunha prensa como acontece co gravado pero sen matriz, polo tanto son debuxos únicos que non se poden reproducir”. Os títulos aluden aos pronomes persoais eu, ti, el, ela, vós, eles, elas. “Cada un representa metaforicamente o significado da palabra para o autor. Por exemplo o monotipo “ti” representa unha cunca de viño para compartir, pintada con pintura feita polo autor a base da terra do chan da adega familiar, e os restos de limpar o interior dunha cuba; “elas” representa a reunión das anduriñas no fin do verán cando se xuntan para organizar a súa volta migratoria,… En cada imaxe hai inquedanzas persoais e sociais”, puntualizan.

 

 

Pola súa banda, a carpeta consta de seis gravados en linóleo, estampados en papel Michel de 400 gr. de 37,5 x 24,5 cm. cunha introdución e unha cita de Dédalus en Compostela de Vicente Risco.

A mostra poderase visitar de balde no horario habitual da Casa dos Poetas: de martes a venres de 10 a 14 e de 16 a 19 horas; os sábado de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. A partir do 1 de outubro iniciarase o horario de inverno polo que a hora de peche será ás 18 horas.

Artigos relacionados

Back to top button