OurenseÚltima hora

O Ateneo presenta a plataforma “O Ateneo é noso” para esixirlle á Xunta un espazo onde continuar a súa actividade

A lonxeva entidade social e cultural deberá deixar o local da avenida da Habana o próximo 10 de abril
Diferentes colectivos e políticos sumáronse ao apoio da campaña “O Ateneo é noso”. // Foto: Carlos Asensio.

A plataforma Pro-Ateneo presentou hoxe, 27 de marzo, o seu manifesto no que reivindican un espazo para continuar a levar a cabo as súas actividades culturais na cidade das Burgas. O próximo 10 de abril, o Ateneo terá que marchar da súa se actual, situada na Avenida da Habana en Ourense.

Baixo o lema “O Ateneo é noso”, o colectivo, formado polos socios e diferentes personalidades do ámbito político e social, salientan que “o Ateneo é necesario para a sociedade ourensá”, así o leu a vicepresidenta do Ateneo, Isabel Salgado. Outra das cousas que poñen en manifesto para solicitar a continuidade son os logros conseguidos pola entidade social e cultural: “entre as súas paredes naceron colectivos que conseguiron grandes logros para Ourense. O exemplo máis recente é a Plataforma ProCAPD que está a loitar por un centro de atención a persoas con diversidade funcional na nosa cidade”. Por outra banda, sinalan que o desleixo da Xunta de Galicia “provocou unha situación insostible que pon en perigo a continuidade e a actividade do Ateneo”.

En total, segundo enumerou a vicepresidenta, Isabel Salgado, contan con 40 adheridos a esta plataforma entre partidos políticos, asociacións, colectivos, movementos culturais etc.

O presidente do Ateneo, Pablo González, fixo un repaso pola historia da entidade, que naceu o 27 de marzo de 1969. Constituído polo Ministerio de Información e Turismo durante Ditadura, a súa sede no Incio dos tempos estivo situada na Torre de Ourense, construída pola antiga Caixa de Aforros da Provincia de Ourense, ” e puxeron aí a se para corrixir un erro de especulación urbanística”, contou Pablo González. Quen explicou que isto demostra que “o Ateneo non está pedindo nada, senón que esiximos que, o noso responsable, a Consellería de Cultura cumpra o que din os estatutos de fundación do Ateneo e que dea unhas instalacións a esta institución”.

Segundo informou o presidente, actualmente o Ateneo conta con 90 asociados, e lembrou algún dos socios históricos da institucións como “Otero Pedrayo, socio de honra; Camilo José Cela, Xaquín Lorenzo ‘xocas’, Alonso del Real, Eduardo Blanco Amor, un dos nosos socios habituais de faladoiros con café por medio…”.

Polo momento, dende o Parlamento de Galicia, os diferentes grupos conseguiron que a cámara estudase a posibilidade de cederlle o espazo da Biblioteca Pública de Ourense, algo que xa se reclamara en diferentes plenos municipais e que se debaterá no pleno extraordinario deste xoves, cunha moción do grupo Socialista e co apoio de Ourense en Común. Aínda que dende o Ateneo resaltan que ese traslado á Biblioteca será “unha travesía polo deserto”, dixo Pablo González, que reitera que “ata que habiliten ese espazo o Ateneo seguirá sen lugar onde exercer a súa actividade”. Polo momento, o 10 de abril terán que botar o fecho ao local da Habana, deixando tras de si moitos anos de actividade cultural entre as súas paredes.

Os interesados en prestar o seu apoio ao Ateneo, poderán facelo a través da súa páxina de Facebook .

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button