EconomíaEconomíaÚltima hora

O “atún de primavera”, do Gastrobar Sanmiguel, gaña o premio do xurado de “Pinchos de Primavera”

O segundo premio foi para “Choco Coconut”, do Barcelo, e o terceiro foi para “Tesouro Mariño”, do bar Tapa Negra
“Atún de primavera” está feito sobre unha cama de arroz inflado. // Foto: Carlos Asensio.

O Gastrobar Sanmiguel, situado na rúa do mesmo nome no Casco Vello ourensán, volveu alzarse co primeiro premio do concurso de pinchos “Sabores de Primavera”. A súa proposta “atún de primavera” cativou ao premio do xurado, que estivo formado pola profesora do IES Vilamarín, Rosa Celi Mouteira; o cociñeiro, formador e asesor de hostalería, Jesús Lastra; a responsable de comunicación do Salón Internacional de Turismo Gastronómico XANTAR, Silvia Pardo; a representante do Concello de Ourense, Sonia Albor; e o xornalista e presentador do programa “Come ou Fala” da Radio Galega, José Manuel García.

“Atún de Primavera” é unha receita a base de atún vermello en remolacha e mariñado con salsa Yoki, xema encurtida e salteado de espárragos trigueros, allos porro e amorodos, aire de Abril e folla de ostra. O creador desta peza gastronómica foi o chef Miguel González, que asegurou sentirse moi contento porque o seu pincho volvese a gañar o Sabores de Ourense (xa que foron os gañadores da edición de outono) e agradeceu tanto á organización como ao xurado a súa dedicación. Asemade, o chef reiterou que “pensamos que este concurso é un escaparate moi importante para dar a coñecer a oferta gastronómica do Sanmiguel”. Engadiu que o seu obxectivo é “potenciar a zona de gastrobar pero tamén dicirlle á xente que o noso local ten pinchos”.

Pincho “Choco Coconut”

O segundo premio do xurado foi a parar a “Choco Coconut” do Barcelo, composto por “trompe-l’oeil” de donut de chocolate, enchido de chocos na súa tinta, con algas e herbas de litoral. E o terceiro foi para “Tesouro Mariño”, do bar Tapa Negra, que está composto por un profiterol enchido de tartar de sardiña afumada, salpicón de boi, mazá “cuí”, aceite de chile doce e crema de ovo fritido con puntilla.

Está previsto que a entrega de premios se faga no Salón de Plenos do Concello o próximo 15 de maio, onde se darán a coñecer a maiores aos gañadores dos 3 premios do público, o premio da aplicación móbil de Sabores de Ourense e mais o premio especial de celíacos.

Tesouro Mariño.

 

Artigos relacionados

Back to top button