O Auditorio de Ourense abreu onte, 27 de abril, as súas portas para acoller unha ampla exposición de obras do pintor verinense, Leonardo Vidal e estará dispoñible até o vindeiro mes de xuño.
Baixo o título “Leonardo inédito”, a mostra ofrece ao espectador un percorrido por 32 óleos de temática variada, incluíndo dende paisaxes até bodegóns ou figuras. Imaxes trazadas nas que Vidal demostra o seu dominio da luz e da perspectiva.
O persoeiro é oriundo do Concello de Pereiro de Aguiar, pero está afincado en Verín. Descubriu a pintura da man do seu pai e iso levouno a ser un autodidacta no eido da formación artística. O seu estilo pasa entre o realismo e o hiperrealismo, para dar luz a eidos onde a fotografía non chega.
A mostra poderá ser visitada na planta 0 do Auditorio ourensán en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén se pode contemplar no previo das funcións que se realicen na sala principal.