ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O avogado Nemesio Barxa doará a súa biblioteca persoal ao Concello de Viana do Bolo

O acto de sinatura pública de aceptación desta doazón, que inclúe uns 5.500 volumes e coleccións de revistas, tiña lugar na tarde do 30 de maio na vila

Apenas vivía seis anos en Caldesiños (Viana do Bolo), pobo onde nacía en febreiro de 1935. Sen embargo, sempre se sentiu honrado das súas raíces. Agora, aos seus 82 anos, o avogado Nemesio Barxa vén de decidir doar a súa biblioteca persoal, que inclúe uns 5.500 volumes e coleccións de revistas, ao Concello e aos veciños de Viana do Bolo.

Na tarde do 30 de maio tiña lugar no salón de plenos do Concello vianés o acto de sinatura pública de aceptación desta doazón, que será recibida unha vez falecido o doador. No seu decurso o alcalde vianés, Secundino Fernández, daba lectura á proposta de aceptación da doazón, en cuxo texto se lembraba a traxectoria vital e profesional de Nemesio Barxa, que comezou a traballar como avogado en 1959 e hoxe é o letrado en activo máis antigo de Ourense. Cualificouno como “grande experto en dereito e grande loitador pola cultura e o idioma galego”.

Ademais o rexedor tamén manifestaba que “é un orgullo que un vianés que só pasou os primeiros seis anos da súa vida en Viana do Bolo se sinta tan unido ao noso concello, que incluso pensa en esparexer as súas cinzas no encoro do Bao. Este orgullo penso que é compartido pola inmensa maioría das veciñas/os de Viana”. Este acordo plenario de aceptación da doazón elevouse a público ante notario, segundo o alcalde vianés.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button