En portadaÚltima hora

O baloncesto feminino español fai historia co valdeorrés Lucas Mondelo en Río

Por vez primeira España logra entrar nas semifinais nun xogos olímpicos e loitar por unha medalla
O seleccionador español Lucas Mondelo, nun dos momentos do partido contra Turquía./ Fotos: FIB/FEB.
O seleccionador español Lucas Mondelo, nun dos momentos do partido contra Turquía./ Fotos: FIB/FEB.

Espectacular e épica vitoria en Río. A selección española de baloncesto, ao fronte da cal está o seleccionador de orixe valdeorresa Lucas Mondelo, quería facer historia e vén de logralo. Por primeira vez, e tras quedarse ás portas das semifinais en tres ocasións (Barcelona 92. Atenas 2004 e Pekín 2008), o equipo español vén de pasar ás semifinais duns xogos olímpicos. Lográbao en Río na tarde do 16 de agosto no Carioca Arena 1, nun partido especialmente difícil e heroico contra Turquía.

España comezaba a segunda parte do encontro cunha lixeira vantaxe de 31 a 25 sobre a selección turca, pero o escenario mudaba por completo para as de Lucas Mondelo a partires de entón. Turquía acurtaba distancias e, finalmente, lograba poñerse por diante con 34-31. A partir de aí, e pese aos intentos de España, as otomanas mantiñan o control do xogo. E iso ata practicamente dous minutos para o remate do partido.

As xogadoras españolas celebrando o triunfo fronte ás turcas no derradeiro segundo do partido./ Foto: FEB/FIB.
As xogadoras españolas celebrando o triunfo fronte ás turcas no derradeiro segundo do partido./ Foto: FEB/FIB.

A vantaxe ía diminuíndo, e a selección de Mondelo situábase a 58-60. Entre os balóns collidos a Turquía e os erros nos tiros das otomanas, as españolas empataban a 62, a falta de 36 segundos do final. E, cando só quedaba un segundo, unha canastra de Anna Cruz permitíalles ganar cun resultado de 62 a 60 sobre as turcas. Unha vitoria loitada e especialmente intensa e emocionante ata os últimos momentos coa que as xogadores de Mondelo se posicionan entre as catro mellores seleccións dos Xogos Olímpicos. Agora toca pensar na loita polas medallas.

Artigos relacionados

Back to top button