CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco abre unha fiestra ao maio do 68 a través da pintura de Jesús Díaz Ferrer

Ata o vindeiro 14 de maio poderá visitarse na sala de Abanca a primeira exposición póstuma deste creador das vangardas que se organiza na súa vila natal

Escenas de cargas policiais, violencia, protestas, pintadas, feridos… Os latexos dos sucesos de maio de 1968 en París seguen moi vivos na obra plástica de Jesús Díaz Ferrer (O Barco, 1922-Concud, Teruel, 2017). Sucesos que viviu en primeira persoas nas rúas da capital francesa, na que vivía nesa época, ou mesmo dende o seu estudo. E sucesos que plasmou en debuxos e pinturas dese momento, pero que recuperou en diferentes fases da súa obra. Unha escolma deles reúnense agora na mostra “Crónica de maio. París 1968”, que se inauguraba na tarde do 30 de abril na sala de exposicións de Abanca, no Barco.

Son 55 obras en papel e madeira, acrílicos e tintas augadas en cor e branco e negro, que supoñen un reencontro deste creador coa súa terra natal. De feito é a primeira exposición póstuma que se celebra na vila valdeorresa sobre este creador polifacético e de intensa traxectoria, que deixou O Barco aos 17 anos. Viviu en Madrid e París, participando nos movementos de vangarda que impregnan as súas creacións, ata o ano 1981, no que regresou a España para instalarse en Teruel.

“Esta é a máis estensa crónica do maio do 68”, aseguraba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, no acto inaugural da exposición, que coincide co 50 aniversario deses feitos. Tamén indicaba que esta mostra “é unha escusa para traer de novo a figura deste artista e da súa obra á súa Valdeorras natal”. Ademais agradeceu o labor do curador da mostra e historiador da arte, o tamén barquense Luís Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, que ten sido un impulsor da recuperación e estudo deste creador; así como do técnico de Cultura Gustavo Docampo e de Abanca, por ceder as súas instalacións.

 

Autorretrato de Díaz Ferrer./ Foto: Carlos G. Hervella

 

De seguido, tomaba a palabra Coquixo, quen presentaba o contido da mostra, que partía dun caderniño de debuxos de Díaz Ferrer e que se complentaba con 19 cadros en acrilíco da mesma temática e cun autorretrato do pintor que abre o percorrido. Estas obras forman parte da colección da súa viúva, Micheline Langlois, que agora se “encarga de manter viva a súa memoria e que me fixo chegar todo este material”.

Coquixo trazou a traxectoria vital e creativa de Díaz Ferrer, destacando que a temática social, que se retrata na mostra, tivo “unha gran importancia dentro da súa obra. Dende os seus primeiros anos preocupoulle a pintura social”. E afondou nas súas diversas técnicas e no seu particular estilo, que se move entre o realismo, o expresionismo, un singular surrealismo e o onírico, facendo gala dun maxistral uso da cor para transmitir con acerto emocións e sensacións.

Esta exposición poderá visitarse ata o 14 de maio cun horario de 19h. a 21h. de luns a venres, e, xa os sábados de 12h. a 14h. e de 19 a 21h. Ademais estará aberta o 1 de maio pola mañá.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button