En portadaÚltima hora

O Barco acolle a estrea de “Asemblea xeral”, de Lauro Olmo e Pilar Enciso, este venres

Trátase dunha peza para todos os públicos, con dirección de Fina Calleja, coproducida por Sarabela Teatro e polo Centro Dramático Galego

 

No marco da celebración do centenario do dramaturgo barquense Lauro Olmo o escenario do teatro que leva o seu nome no Barco acollerá o vindeiro venres, 27 de maio, ás 21h. a estrea de “Asemblea xeral”, obra baseada no texto homonimo asinado polo autor e pola súa dona, Pilar Enciso. O espectáculo, con dirección de Fina Calleja, é unha coprodución da compañía ourensá Sarabela Teatro e do Centro Dramático Galego (CDG). Será a primeira vez, que se saiba, que de forma profesional se representa en galego a Olmo.

Así o comentaban esta mañá os promotores da iniciativa na presentación ante a prensa desta representación. “Hai que dicir que é un texto complicado polo elenco, por todo o despregue de produción, e esta é unha versión na que se recollen outros personaxes que figuran na obra, no corpus de Lauro Olmo, así refórzase un pouco a trama para darlle un maior dinamismo, máis que nada para actualizar o texto”, explicaba a directora, Fina Calleja, que ademais versionaba esta peza xunto a Fernando Dacosta.

Calleja comenzaba a súa intervención comentando que Gustavo Docampo, técnico de Cultura do Barco, “é o verdadeiro promotor do espírito que está detrás desta produción. Nós atendemos a este convite, como non podía ser doutro xeito, cheos de ilusión e dalgún xeito devolvendo todo o que na nosa traxectoria significa o noso vencello co Barco de Valdeorras. É un proxecto moi ilusionante, é un xeito marabilloso de recuperar a un autor por moitos coñecido de nome, e para nós tamén foi unha oportunidade de redescubrilo máis aló desas dúas pezas como son “La Camisa” o “La pechuga de la sardina”, que son importantísimas dentro do que é a dramaturxia española”.

 

Fina Calleja, directora de “Asemblea xeral”.

 

Ademais resaltaba a figura de Pilar Enciso, coautora da peza, “unha muller implicadísima no teatro para a xuventude, foi unha auténtica dinamizadora, e promotora do teatro adicado á mocidade, e iso naqueles tempos de tanta precaridade”.

Uns cativos, que atopan un antigo baúl, son os protagonistas desta peza coproducida por Sarabela e o CDG. No seu interior gárdase o libro de “Asemblea Xeral” de Olmo e Enciso, que conta como unha enfermidade de causas descoñecidas se espalla polo mundo e os animais da selva buscan un culpable para calmar esa cólera celestial. E, xunto ao texto, todo o necesario para a súa representación.

“Estamos iusionadísimos, cremos que nesta versión recuperamos este texto, sendo moi fieis tamén á biografía tanto de Lauro Olmo como de Pilar Enciso, tan comprometidos no social e cos valores democráticos, porque é un pouco o que subxace na peza, esa valentía dese tardofranquismo, ese crear un personaxe inspirado en La Fontaine, como Leónidas o grande, ese león rei da selva que, ao mesmo tempo, compórtase como un auténtico tirano e que representa a ese Franco que estaba nas postrimerías, pero que aínda podía facer moito dano. Expuxeron isto dun xeito tan dinámico e con esa capacidade, tanto literaria como de coñecemento da carpintería teatral, e supuxo un fito dentro do que sería unha parte do teatro menos atendida como era o da xuventude”, resaltaba Fina Calleja.

 

 

Do elenco desta representación forman parte Héctor Martínez, Fran Lareu, Elena Seijo, Fernando Dacosta e Sabela Gago, “un equipo de actores marabilloso”, en palabras da directora da montaxe, que na presentación estaba acompañada da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, e do director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

O deseño e realización de escenografía corre a cargo de Carlos Domínguez (que tamén acudía á rolda de prensa), do deseño e luz encárgase José Manuel Bayón, do deseño e realización de vestiario Tegra e Lele, do espazo sonoro Renata Codda Fons/ Ramón Raíndo, do deseño gráfico José Lameiras e dos arranxos musicais. “Son uns arranxoa marabillosos porque quixemos premiar toda a peza de música, de cancións para revitalizala e traela ao noso tempo”, resaltaba Fina Calleja.

 

O director do CDG, Fran Núñez.

 

Fran Núñez: “A montaxe nace da colaboración entre varias institucións”

A continuación tomaba a palabra a concelleira de Cultura do Barco agradecendo “a aposta e a confianza” e o director do CDG, quen tamén amosaba o seu agradecemento a todos “pola implicación no proxecto” e confesaba que “Asemblea xeral” foi dos primeiros textos que representou en teatro sendo neno. Así mesmo incidía en que esta montaxe “une tres puntos para nós moi importantes. Un deles é crear coproducións que non veñen tanto da compañía, senón que nacen da colaboración entre varias institucións. No aniversario de Lauro Olmo falabamos de montar un texto e convidar a alguén para que o puxese en escena e Sarabela era tremendamente acaída por traxectoria e demais”.

Por outra banda, continuaba Núñez, “este texto, aínda que non é o máis coñecido, posúe unha actualidade tremenda, e xeralmente vai dirixido á infancia, pero pode ser un texto xuvenil ou para adultos perfectamente”. En terceiro lugar, o director do CDG resaltaba que “nós estamos moi felices de poder estrear tamén unha coprodución nosa no Barco, que non é o común. Normalmente as producións e coproducións estreábanse en Santiago e cremos que é moi importante sacalas fóra, e de cara ao futuro esperamos que esta liña se siga repetindo porque serve, unha, para poñer en valor aos autores que temos, o noso territorio, e agardamos que o público goce deste espectáculo”.

De xeito semellante se manifestaba Fina Calleja, “temos moitísimas ganas de testar esta obra co público e de pola en diálogo cos espectadores, son os que nos van a dicir se nos puido a emoción e se conseguimos conectar con eles”.

Finalmente, Gustavo Docampo matizaba que “Asemblea xeral” é a “segunda produción na dilatadísima carreira profesional de Sarabela que se vai estrear no Barco e a verdade é que a primeira gozou dunha traxectoria moi boa, eu augúrolle a esta obra moitísimo éxito nos teatros”.

Tras a estrea, o vindeiro venres no Teatro Lauro Olmo do Barco, a peza comezará a moverse por diferentes escenarios galegos e tamén se prevé representala fóra de Galicia.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button