ConcellosEn portadaÚltima hora

O Barco acollerá a asemblea xeral do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular o 19 de febreiro

Con esta decisión este organismo transfronteirizo, que preside o alcalde barquense, pretende pór en valor “o interior de Galicia e o rural”
Imaxe da anterior asemblea do Eixo, celebrada no 2018 en Maia (Portugal).

Por vez primeira a asemblea o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular non se celebrará nunha gran cidade. “Decidimos levala a partir de agora tamén ás cidades pequenas para reivnidicar o interior de Galicia e de Portugal de cara a anos vindeiros. Nós falamos de reequilibrio e apostamos con feitos coma este por el”, aseguraba o alcalde do Barco e presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, na rolda de prensa na que anunciaba que este municipio acollerá o vindeiro martes 19 de febreiro esta xuntanza internacional.

A reunión, na que se prevé a asistencia duns 30 rexedores lusos e galegos, terá como escenario o Pazo do Castro e desenvolverase entre as 9h. e as 13h. A orde do día incluirá cuestións como o orzamento desta entidade, tamén se fará unha análise dos proxectos e xestións realizadas no exercicio que vén de rematar e dos obxectivos para o 2019. Entre os principais asuntos da xornada estarán as infraestruturas, un dos grandes cabalos de batalla do Eixo, e tamén cuestións como a da Axencia Urbana.

 

O alcalde do Barco e presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, na rolda de prensa./ Foto: A.R.

Tras unha pausa para xantar (na que se servirá un menú a base de botelo), os actos da asemblea continuarán ás 16h. no Teatro Lauro Olmo, onde se procederá á entrega das medallas do Eixo Atlántico, que nesta ocasión se lle concederán a José Albino Silva, quen ocupou entre outros cargos o de ministro de Emprego en Portugal (1987-93); e á lucense Isabel Pardo, presidenta de Adif. Neste acto de clausura contarase coa asistencia do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. O alcalde do Barco convida á cidadanía a sumarse a este acto, que será aberto ao público, porque “pensamos que permite pór en valor o interior de Galicia e o rural”.

Artigos relacionados

Back to top button