ConcellosÚltima hora

O Barco de Valdeorras acollerá dúas probas de volei praia a finais de xuño

As competicións, do circuíto galego e da Copa Deputación, celebraranse no Salgueiral
O Concelleiro de Deportes do Barco Aurentino Alonso, na presentación da programación deportiva. /Foto: Mónica G. Bellver.

O servizo de obras do Concello do Barco está traballando para acondicionar o campo de area da área recreativa do Salgueiral que acollerá dúas competicións organizadas pola Federación Galega de Volei os días 24 e 25 de xuño. Trátase dunha proba do Circuíto Galego de Volei Praia e outra da Copa Deputación a nivel provincia,l nas que se esperan uns 700 participantes de todas as modalidades, incluído o equipo do Barco. Uns días antes celebrarase un clínic (curso de iniciación) para nenos.

“A idea é ir promocionando tamén este deporte no Barco”, aseguraba o concelleiro Aurentino Alonso, na presentación que tiña lugar na mañá do 14 de xuño na praza Andrés de Prada. Nese punto, Alonso adiantaba asemade a participación do Concello do Barco nos Xogos do Eixo Atlántico que se celebrarán do 4 ao 9 de xullo en Lugo, Sarria e Monforte. “Do Barco participaremos en atletismo (con 11 atletas), fútbol (cun equipo infantil-cadete do C.D. Barco) e baloncesto (cun equipo masculino e feminino)”, dixo.

 

Aurentino Alonso explicando os pormenores das competicións que se celebrarán nos vindeiros meses. /Foto: Mónica G. Bellver.

Estas dúas actividades son as principais novidades dun completo programa deportivo elaborado dende a concellaría que dirixe Aurentino para o vindeiro cuatrimestre, no que teñen cabida practicamente todas as disciplinas, con probas xa tradicionais na localidade. En xuño haberá Exhibición de Zumba; a VII Velada de Kick Boxing, K1, MMA e Boxeo; un Torneo 5×5 de fútbol praza; a 3ª Carreira e Andaina Popular de San Xoán; a 19ª Volta Ciclista a Valdeorras; e o 6º Campus de fútbol. Xa nos meses de xullo e agosto, tocaralle o turno á Ximnasia de Mantemento na Praia Fluvial do Malecón; ao Torneo Barco Básket; á Marcha Nocturna Os Mouchos; ao 1º Torneo Volei Herba; e á 3ª Travesía a nado Valdeorras.

O programa deportivo do Concello do Barco continúa no mes de setembro con probas emblemáticas como O Madrugón; o 51º Descenso do Sil; a Copa Deputación de Orientación; ou a Milla Urbana. E xa nos meses de inverno, haberá tiro con arco, atletismo, karate e fútbol.

Artigos relacionados

Back to top button