ConcellosÚltima hora

O Barco acollerá en xullo un obradoiro de “Gobernanza cooperativa nas comunidades de montes veciñais”

Impartirase a partir do día 8 de xullo no salón de actos do edificio multiusos e está organizado por Agaca en colaboración co Concello

Do 8 ao 12 de xullo desenvolverase no Barco o obradoiro “Gobernanza cooperativa nas comunidades de montes veciñais”, promovido pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) en colaboración co Concello do Barco.

Esta acción formativa terá lugar no salón do edificio multiusos e a súa primeira sesión, prevista para o 8 de xullo fde 16h. a 19h. versará sobre as “Iniciativas innovadoras no medio rural na valorización dos montes veciñais en man común”, tocando aspectos como a resinación de piñeirais, o cultivo de oliveiras, a eficiencia enerxética, a crianza e comercialización de porco celta ou o cultivo da castaña. Será impartida por Higinio Mougán, director-xerente de Agaca.

A segunda sesión será o 9 de xullo (tamén no mesmo horario) e abordará a gobernanza e organización cooperativa das comunidades de montes. Neste caso o relator será o Despacho de Avogados Calixto Escariz, que tamén se ocupará da terceira sesión do obradoiro, programada para o 10 de xullo e que se centrará na fiscalidade das comunidades de montes.

Estas xornadas completaranse con outras dúas sesión, unha o 11 de xullo sobre titularidade e defensa da integridade dos montes veciñais en man común (da man do mesmo despacho de avogados) e outra o día 12 de xullo adicada aos instrumentos de ordenación ou xestión forestal (a cargo dun enxeñeiro técnico forestal/ enxeñeiro de montes de Medio Rural). Este último día tamén se presentará o “Proxecto Troco2. Mercado Transfronteirizo de Intercambio de Carbono”.

A inscrición neste obradoiro é gratuíta e as persoas interesadas poden informarse en www.agaca.coop ou en agaca@agaca.coop.

Artigos relacionados

Back to top button