CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco acolle o I obradoiro de cerámica Raku

A xornada celebrada no Malecón foi organizada pola Aula Taller de Arte Bea Romarty en colaboración co Concello barquense

Iniciada en Corea no século XVI, o Raku é unha técnica tradicional de elaboración de cerámica inicialmente vinculada á cerimonia do té e aos ideais do budismo Zen, na procura da austeridade estética, a tranquilidade, o equilibrio, a contemplación da beleza do simple e o vacío. “Facer Raku é crear con alquimia Taoista e Zen, deixando fluír as enerxías dos catro elementos: terra, lume, aire e auga”, explica a artista barquense Bea Romarty que quixo achegar esta técnica milenaria á poboación valdeorresa.

Durante o mes de xuño impartíronse na Aula Taller de Arte Bea Romarty clases de cerámica Raku, para nenos e maiores. E como broche ao curso, o domingo 3 de xullo, o paseo do Malecón no Barco de Valdeorras acollía a I Xornada de Cerámica Raku en Valdeorras, unha actividade aberta a toda a poboación.

O acto comezaba en torno ás once da mañá coa preparación e mestura de óxidos e minerais para crear equilibrados esmaltes cerámicos. Posteriormente esmaltaron as primeiras pezas dos alumnos do curso mentres se construía un forno con arxila, bloques e ladrillos onde se irían cocendo as sucesivas fornadas. O proceso completábase co esmaltado e posterior cocción das pezas rematadas, dando como resultado efectos inesperados: lustres metalizados, brillos nacarados, iriscencias… pero sobre todo o “xenuino craquelado afumado Raku que unido á sonoridade opaca das pezas fai desta técnica algo harmónico por natureza e fermosísimo para descubrir”, conclúe Bea.

No obradoiro colaborou o Concello do Barco de Valdeorras e estivo impartido por Gerardo Queipo da Escola Municipal de Cerámica de Ponferrada e Carlos Jimeno, artista ceramista de Valladoliz. Os artistas Reme Remedios e O Abrelatas foron artistas convidados.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button