ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

O Barco amosa a súa devoción ao Nazareno, pero sen procesión

Tras as misas da mañá deste 14 de setembro, está prevista unha nova eucaristía ás 20h. na igrexa de Santa Rita

 

A vila do Barco celebra hoxe o seu día grande dunhas festas do Cristo inéditas debido ao Covid. Por primeira vez dende que hai referencias, a imaxe do Nazareno non percorrerá a vila neste 14 de setembro, tal e como destacan dende a Confraría de Xesús Nazareno nesta localidade valdeorresa.

Aínda así, a devoción dos barquenses amosábase pese á pandemia e numerosas persoas participaban dende primeira hora da mañá nas misas na honra do Cristo que, tamén por vez primeira, non se celebran na igrexa de San Mauro, onde se garda a súa imaxe.

 

 

Así ás 10h. oficiábase a primeira das na igrexa de Santa Rita, onde se colocaba unha gran fotografía do Nazareno, con aforo limitado e gardando todas as medidas de seguridade fronte ao Covid. Para velar que se respectasen os aforos e que non se producisen aglomeracións estaba a Policía Local do Barco.

Tamén numerosa era a asistencia de devotos á misa celebraba ás 13h. Ademais dispuxéronse cadeiras fóra do templo, na praza do Príncipe, para permitir unha maior asistencia, garantindo ao mesmo tempo a seguridade.

Pola tarde está prevista unha misa a partir das 20h. E mañá, 15 de setembro, oficiarase ás 12:30 h. e ás 20h. a misa de cofrades, segundo informa a Confraría de Xesús Nazareno do Barco.

Deste xeito, esta xornada de 14 de setembro deixa imaxes inéditas na vila valdeorresa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button