ConcellosÚltima hora

O Barco aposta por poñer en valor o Porto da Barca

A corporación aprobaba en sesión plenaria unha moción para realizar un estudo arqueolóxico na zona

 

Saber máis sobre o Porto da Barca e poñer en valor esta zona do casco antigo barquense, considerado o berce da vila. É o obxectivo da moción que a corporación barquense aprobaba por unanimidade na primeira sesión plenaria que a súa Corporación celebraba neste ano 2020.

Esta iniciativa, presentada polos tres grupos da oposición de maneira conxunta (PP, BNG e Riada Cidadá) e exposta por Carlos Crespo (PP), pedía “implementar un plan de acción para levar a cabo un estudo arqueolóxico co fin de datar o Porto da Barco e a súa contorna, así como os xacementos de Porto Carballo e Viloira, coa maior celeridade posible”. Este porto fluvial é unha “construción considerada das máis antigas, senón a que máis, ligada á propia orixe do lugar, e un dos nosos sinais de identidade máis interesantes, xenuíno e diferenciador”, segundo a moción.

Ademais Crespo sinalaba que “con estas iniciativas estaríamos axudando a resolver a incógnita da antigüidade dos nosos actuais asentamentos, axudaríamos a fixar unha data para o Porto da Barca que poida ser colocada nunha placa indicativa, debaixo do seu nome e que así, todos os barquenses, visitantes e o cada vez máis numeroso colectivo de viaxeiros que transitan polo noso Camiño de Inverno, poida respectalo e valoralo”.

 

 

A iniciativa resultaba aprobada por unanimidade. “O Concello do Barco está dacordo en que esa zona debe ser posta en valor, pero non é tan importante a datación”, indicaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, que matizaba algúns dos argumentos expostos no texto, apoiándose en opinións de expertos como o arqueólogo Santiago Ferrer.

Pola súa banda, o alcalde barquense, Alfredo García, insistía en que “é necesaria unha actuación e farase cando finalicen as rehabilitacións que se están realizando nesa zona. A idea tena clara o arquitecto municipal, temos un proxecto para realizar alí no que vimos traballando dende hai tempo e se aparecesen outras cuestións interesantes iso modificaríase”. Ademais o Concello prevé outras actuacións en materia patrimonial como a recuperación da ponte da Proba, a segunda fase de rehabilitación do Castro ou unha intervención na praza das Airas, no caso antigo, segundo lembraba o rexedor.

Convenio coa CHMS e e regulamento do Consello Local da Infancia e da Adolescencia

Nesta sesión plenaria tamén resultaba aprobado un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para a mellora da capacidade de desaügue do regueiro de Forcadela en Veigadecabo, “unha obra moi necesaria” e que na se prevé un investimento de 280.000 euros, dos cales 84.000 euros serán aportados polo Concello e o resto pola confederación en dúas fases”, tal e como explicaba o voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso.

Dende a oposición, tanto Riada Cidadá como PP, consideraban a actuación necesaria pero criticaban que o convenio “non vaia acompañado dun proxecto de execución da obra”. Finalmente, o punto saía adiante con 11 votos a favor (PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá) e coas cinco abstencións do PP.

Así mesmo aprobábase, desta volta por unanimidade, o regulamento do Consello Local da Infancia e Adolescencia (CLIA) do Concello do Barco. Xa en rogos e preguntas, o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, agradecíalle ao alcalde que, malia non ter resultado aprobada unha moción presentada por este partido sobre transporte rural, manifestase na prensa a súa intención de levalo a cabo.  Alfredo García respondía asegurando que estaba vendo coa empresa as rutas existentes, tanto no relacionado co transporte a demanda como no escolar, “o que está claro é que non se pode deixar tirado a ningún veciño”.

Por outra banda, o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, preguntaba, entre outras cuestións pola situación do plan de mobilidade, así como pola venda de billetes na estación de ferrocarril no Barco e polas avarías de catenarias en Valdeorras. O alcalde aseguraba que demandará información sobre eses temas e indicaba que a venda de billetes está garantida no Barco ata xuño.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close