ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

O Barco apostará polo turismo industrial e creará un museo da lousa

Así se anunciaba durante a presentación do estudo "Oportunidades de desenvolvemento turístico para O Barco", promovido polo Eixo Atlántico e coordinado por María Carmen Pardo

 

Agora mesmo O Barco non é un destino turístico, pero posúe un potencial enorme e debería converterse na locomotora do Xeodestino Manzaneda-Trevinca. É unha das conclusións do estudo “Oportunidades de desenvolvemento turístico para O Barco de Valdeorras”, promovido polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que se presentaba na mañá deste xoves 11 de xuño neste concello valdeorrés.

O acto contaba coa presenza do alcalde barquense e presidente do Eixo, Alfredo García, así como do secretario xeral deste organismo transfronteirizo, Xoán Vázquez Mao; da coordinadora do estudo, María Carmen Pardo, e de Irene Dacal, ata hai uns días concelleira de Turismo.

O traballo, que tamén toma como marco a comarca de Valdeorras, destaca as potencialidades turísticas deste municipio con referentes como o seu patrimonio arqueolóxico e cultural, os seus recursos naturais, o paso do Camiño de Inverno, unha ruta xacobea non masificada, así como o valor do enoturismo ligado á D.O. Valdeorras, e o turismo industrial, con marcado carácter diferenciador de destino, segundo sinalaba Carmen Pardo. Ademais destacaba a súa ubicación “privilexiada” para poder canalizar visitantes que van a outros destinos xa posicionados como poden  ser Ribeira Sacra, a zona das Médulas (León) ou o Parque Natural de Sanabria (Zamora).

“O turismo industrial é algo que tamén quere desenvolver o propio sector da lousa. De feito, dende o Concello xa iniciamos trámites co sector para creación dun museo da minería, entre outras iniciativas. Falamos, claro está, dun proxecto a medio-longo prazo”, anunciaba o rexedor barquense.

 

 

Ademais explicaba que o conxunto da Corporación barquense xa é coñecedor deste proxecto, “xa o levamos á comisión e nela recibiu o visto bo de todos os grupos. E algo que, xunto co viño, vainos diferenciar como destino do resto de territorios de Galicia e incluso a nivel estatal”, resaltaba Alfredo García.

O estudo, no que ademais de Carmen Pardo son coautoras Belén Gómez e Diana Pereira, analiza cuestións como a oferta de aloxamento turístico da zona, a restauración, a oferta cultura, o enoturismo, o turismo de natureza ou o Camiño de Inverno a Santiago. Realizáronse enquisas, dinámicas de grupos e tamén entrevistas, ademais de consultas ás adminstracións.

 

 

O documento complétase cun apartado de diagnóstico no que se analizan as fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas para o desenvolvemento turístico do Barco. “Este estudo aborda as posibilidades de colocar no mercado algo que non se coñece. Non se trata dun plan estratéxico de turismo senón dun avance de oportunidades. Hai que deseñar unha estratexia que non pode ser local, senón na que hai implicar ao resto dos concellos; na que se precisa unha mellora da conectividade e aí que implicar ás administracións galega e estatal para lograr a A-76 (Ponferrada-Ourense) e a mellora da conexión coa Gudiña, onde vai chegar o AVE. E ademais é necesaria a implicación e mobilización social”, destacaba o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button