ConcellosÚltima hora

O Barco aproba un crédito extraordinario de 107.000 euros para a reparación da cuberta do polideportivo, entre outras obras

Tamén se incluirá nesa cantidade o arranxo da estrada de Forcadela e doutros camiños

 

O pleno barquense vén de aprobar na tarde do 5 de setembro un crédito extraordinario de 107.000 euros que se destinarán a obras como a reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Calabagueiros, que resultaba danada nunha treboada neste verán, así como ao arranxo da estrada de Forcadela, á mellora de firmes das estradas de Soulecín a Santigoso e de Raxoá a Domiz, entre outras intervencións para arranxo de camiños.

Este punto saía adiante cos votos a favor do PSdeG-PSOE, Riada Cidadá e BNG e coa abstención dos concelleiros populares que consideran que as “obras son boas e necesarias para a poboación”, pero que non están dacordo con que “isto sempre se faga con suplementos de crédito”.

Nesa sesión plenaria tamén se aprobaba a delegación de competencias de contratación na alcaldía no contrato de concesión de servizos da piscina climatizada. “Esta é unha delegación do pleno na alcaldía para todos os trámites relativos á contratación e con isto o que se busca é darlle axilidade aos procedementos, pero será o pleno o que se reserve a decisión da contratación do propio servizo”, explicaba o voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso.

 

 

Para o edil de Riada Cidadá, Félix Yáñez, que votaba en contra, esta delegación supón “unha substración das competencias do pleno, no que gozan de maioría absoluta, non vemos o motivo” e lembraba a proposta defendida en plenos anteriores polo PP de “denunciar as obras da piscina, que se construíu nunhas condicións miserentas e diso ten que haber algún tipo de responsable, o Concello ten que tomar algún tipo de decisión xudicial”. Nese mesmo aspecto incidía a voceira popular Sabina Aguado. “Volvo reclamar que se nos informe de que por aínda non se iniciou esa reclamación xudicial”.

Pola súa banda, Aurentino Alonso contestaba que “cando unha obra de rehabilitación se inicia ás veces aparecen cousas a maiores, e estabamos pendentes de ter toda a información, unha vez iniciada a obra, para ter unha documentación veraz e completa e agora, cando teñamos os informes técnicos, presentarase a reclamación”.

Entre os puntos que tamén resultaban aprobados nesta sesión figuraban dúas mocións do BNG, unha delas pedía á Consellería de Sanidade a convocatoria do Consello de Saúde do distrito sanitario de Valdeorra e resultaba aprobada por unanimidade.

Na segunda moción presentada polo concelleiro nacionalista Suso Vilasánchez pedíase que se definise o posicionamento político dos grupos políticos da Corporación barquense con relación á elaboración dun Plan Único e “en base a criterios obxectivos (superficie, poboación, entidades de poboación e índice de envellecemento) de colaboración da Deputación de Ourense cos concellos da provincia e trasladar esta posición ao pleno deste organismo provincial. Esta moción saía adiante cos votos do partido socialista, do BNG e de Riada e coa abstención do PP.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button