ConcellosDeportesÚltima hora

O Barco aproba un orzamento de 8,1 millóns de euros

Saía adiante cos dez votos a favor do grupo socialista, fronte aos 7 votos en contra da oposición

O pleno do Concello do Barco vén de aprobar na sesión celebrada na tarde do 7 de xullo un orzamento de 8.110.000 euros para este ano 2016. Este punto aprobábase cos dez votos a favor do grupo municipal socialista, xa que os partidos da oposición (o PP e Riada Cidadá) votaban en contra.

“Este é un presuposto dentro do que cabe ambicioso, equilibrado e realista e, sobre todo, é un orzamento social. Somos un concello saneado económicamente e preocupado pola política social”, destacaba o portavoz do grupo de goberno municipal, o socialista Aurentino Alonso. Pola súa banda, a oposición coincidía en criticar a demora na presentación destas contas e tamén a “improvisación coa que se elaboran”. Ademais o portavoz do PP, Arsenio Moldes, destacaba, entre outras cuestións a necesidade de crear partidas específicas para fomentar a natalidade no Barco e aludía á perda de poboación que tivo o concello. O de Riada, Félix Yáñez, apuntaba, entre outros temas, que consideraba “escasas as axudas para emerxencia social”.

A estas cuestións, Aurentino Alonso respostaba explicando que o orzamento se presenta “agora debido a circunstancias de sobra coñecidas. Estaba redactado dende outubro de 2015, pero as circunstancias de persoal, que se prolongaron ata abril-maio fixeron que a actual interventora non puidera informar ata agora. E non son uns orzamentos improvisados”.

Ademais do orzamento, a orde do día desta sesión plenaria de xullo incluía outros sete puntos dos que catro se aprobaban por unanimidade: as datas dos festivos locais (os días da Santa Rita e do Cristo), a modificación do regulamento da Praza de Abastos, unha aprobación de crédito extraordinario para rematar a praza situada entre a rúa Álvaro Cunqueiro e a igrexa de San Mauro e as actas das sesións anteriores.

En cambio, a modificación do plantel de persoal para a creación e amortización de prazas saía adiante só cos dez votos a favor dos concelleiros socialistas.

Artigos relacionados

Back to top button