ConcellosÚltima hora

O Barco busca solucións para evitar cortes pola concentración de auga no acceso á vila por Veigamuíños

A Deputación de Ourense, titular da estrada, está elaborando un estudo para evitar que a auga corte a entrada á vila, segundo anunciaba o alcalde barquense no pleno celebrado o 10 de xullo
Imaxe de arquivo do acceso cortado ao Barco dende Veigamuíños tras unha treboada./ Foto: Carlos G. Hervella.

A intensa chuvia caída durante a treboada do pasado venres 6 de xullo provocaba o corte da estrada que dá acceso ao Barco dende Veigamuíños. Trátase dunha situación que se vén repetindo cada certo tempo neste paso baixo a vía do tren, por iso o Concello do Barco e a Deputación de Ourense, titular do vial, están estudando como darlle unha solución a este problema. Así o sinalaba o alcalde do Barco, Alfredo García, en resposta a unha pregunta que lle plantexaba no pleno do 10 de xullo o portavoz municipal de Riada Cidadá, Félix García.

“Xa estivo aquí o xefe do departamento de Medio Ambiente da Deputación de Ourense”, dicía o rexedor barquense, “e estanse barallando dúas posibles ideas. En todo caso, o que está claro é que hai que sacar as augas de aí. O pasado vernes funcionaron as dúas bombas que temos, pero chegou un momento no que na tormenta caía tanta auga por todas partes que os colectores entraron en carga e auga non saía e volveu para atrás”.

Para Alfredo García a solución pasaría por “derivar esa auga ao río Mariñán, pero a confederación non permite que esas augas de chuvia vaian directamente aos cauces”. Tendo isto presente, entre as posibles opcións que se valoran estarían “poñer catro bombas en lugar de dúas” e “mandar facer un pozo de tormentas pegado ao río”. A Deputación, engadía o alcalde barquense, “está traballando nesa tema, van facer un estudo definitivo”.

Artigos relacionados

Back to top button