En portadaÚltima hora

O Barco CCA aposta por reforzar a protección e a seguridade na reapertura de comercio e hostalaría

A través do convenio, que prevé asinar en breve co Concello, adquirirá material como mascarillas e luvas para distribuír entre todos os establecementos do municipio

Un dos comercios asociados ao Barco CCA realizando labores de limpeza de cara a súa próxima reapertura./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Renovarán en breve o convenio que asinan de forma anual, pero nesta ocasión con varias novidades debido á crise do COVID-19: increméntase a partida económica e irá destinada, principalmente, a adquirir material de protección para repartir entre todos os establecementos do municipio.

“Apoiar ao sector comercio e hostaleiro do Barco é o obxectivo que perseguen tanto o Concello do Barco como o Centro Comercial Aberto (CCA), que recibirá unha axuda de 50.000 euros, froito da rúbrica do convenio anual que mantemos ambas partes”, indican dende a asociación empresarial, días antes de que a maior parte dos seus asociados reabran de novo, tras case dous meses de peche debido ao estado de alarma.

Ademais o CCA matiza que neste 2020, “e como consecuencia da situación xerada pola pandemia do Covid-19, o importe da axuda económica increméntase de 18.900 a 50.100 euros; unha diferenza de 31.100 euros, con respecto a exercicios anteriores, que irá destinada á compra de produtos de protección da saúde fronte ao Covid-19”.

 

Preparativos de reapertura nun comercio do Barco CCA, situado xunto a outro que xa volvía funcionar esta semana.

 

Concretamente, o CCA O Barco pretende adquirir mascarillas reutilizables, guantes e hidroxeles que repartirá entre a totalidade de negocios do Barco de Valdeorras. Así, “uns 300 comercios e locais recibirán, proximamente, este material co fin de mellorar a protección fronte ao Covid-19 e lanzar unha imaxe de seguridade ao cliente e/ou usuario”, adiantan dende esta asociación. Tamén indica o CCA O Barco que este reparto de mascarillas, guantes e hidroxeles “resposta a unha petición dos asociados”.

Por outra banda, unha parte desta axuda económica do Concello irá destinada á promoción do comercio de proximidade e á hostalaría”.

Artigos relacionados

Back to top button