En portadaÚltima hora

O Barco CCA comeza o reparto de material de protección a uns 300 comercios e locais de hostalaría

Esta iniciativa é froito dun convenio de colaboración co Concello do Barco e na distribución colaborará a Policía Local e Protección Civil

 

Arredor das dez e media deste xoves 21 de maio o Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco iniciaba o reparto de material de protección no comercio e na hostalaría do municipio que tivo que pechar as súas portas como consecuencia da crise do coronavirus. Esta iniciativa realízase a través dun convenio de colaboración entre esta entidade e o Concello do Barco, e a distribución do material será tanto para socios do CCA como para aqueles que non o sexan.

Así o explicaban a presidenta do CCA, Sandra Moldes, e o alcalde do Barco, Alfredo García, xusto antes do inicio da distribución entre arredor de 300 establecementos. Cada un deles recibirá 6 mascarillas reutilizables, unha botella de 5 litros de desinfectante e 2 litros de xel hidroalcohólico. Tamén se entregará unha pantalla, neste último caso doada pola Deputación de Ourense.

 

O alcalde do Barco, facendo declaracións antes do inicio do reparto, xunto á presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Isto é consecuencia do convenio que aprobamos e que se ten posto en marcha con toda celeridade. O CCA moveuse co moita rapidez e adquiriu o material aquí no Barco”, comentaba Alfredo García, acompañado pola concelleira de Comercio, Irene Dacal.

Esta é “a primeira entrega”, matizaba Sandra Moldes, “trataremos de facer o reparto da mellor forma posible e se hai alguén que non vaia estar nos locais, por favor, que pase a recollelo polas oficinas da asociación. E se alguén non o recibe, que se poña en contacto con nós, son moitos establecementos e pode haber algún que se nos pase, pero que estean tranquilos, o material é para todos”.

 

A xerente do CCA, Ainhoa Carracedo, entregando material.

 

A presidenta do CCA tamén agradecía o apoio da Policía Local e de Protección Civil, que colaborarán na distribución e daba as grazas ao Concello do Barco, “que sempre confía en nós e nos axuda”. E mandaba tamén unha mensaxe de ánimo ao sector, “entre todos, xuntos, sairemos adiante”. Mensaxe á que se unía o rexedor barquense, que animaba á cidadanía a mercar no comercio do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e ampla galería de fotos:
https://osil.info/o-reparto-do-material-de-proteccion-no-comercio-e-na-hostalaria-do-barco-en-imaxes/

 

A vicepresidenta do CCA, Ángeles Rodríguez, distribuíndo material./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button