ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco CCA lanza a campaña “¿Falamos?” coa participacion das asesorías e axencias de seguros asociadas

Do 5 de maio ao 30 de xuño, os clientes participarán no sorteo de bonos desconto para investir nun seguro de nova contratación, e de cheques para gastar na hostalería asociada

 

 

Nova campaña de dinamización e promoción da Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco. Desta volta está organizada en colaboración coas axencias de seguros e as asesorías asociadas e vai dirixida exclusivamente a este sector. Trátase da campaña “¿Falamos?” que terá lugar do 5 de maio ao 30 de xuño.

“Con esta acción, o CCA O Barco busca dar visibilidade ás axencias de seguros e ás asesorías pertencentes ao colectivo empresarial, así como premiar aos seus clientes a través de dous sorteos”, explican dende o CCA.

Por unha banda, os clientes das axencias de seguros asociadas: Allianz Seguros-Juan Allegue, Generali Seguros-César Pérez, Helvetia Seguros-Carmen Mª López, Seguros Axa Nuñez e Requejo-Roberto Nuñez e Seguros Generales Valdeorras-Sandra Moldes; cubrirán, co seu nome e un teléfono de contacto, rifas para participar no sorteo de dous bonos de desconto, un de 250€ e outro de 150€, para investir nun seguro de nova contratación. Neste caso, as axencias de seguros doan o primeiro bono de 250€, mentres que o CCA O Barco achega o segundo bono por valor de 150€.

Por outra banda, as asesorías do CCA O Barco: Asesoría Castelao – Diego Paz, Asesoría Roca – Enrique P. Roca e Valdeorras Gestión – Mª Ángeles Álvarez; sortearán entre os seus clientes tres vales por valor de 100€, cada un, para investir nunha comida ou cea nos establecementos hostaleiros asociados que ofrecen menú na súa carta ou se dedican á venda de comida a domicilio: Café Teatro Baixo 5, Café Bar San Roque, Casa Galaica, Cervexaría 13/14, Fernando III, A Maltería, As Receitas da Avoa e Piquiño.

Para participar no devandito sorteo, os clientes cubrirán co seu nome e un teléfono de contacto as rifas que serán entregadas nas asesorías. O importe total dos premios suma 300€, dos cales as asesorías achegan 210€ e o CCA O Barco 90€.

Ambos os sorteos celebraranse na oficina do CCA O Barco ( c/España, 1) o 5 de xullo ás 12:00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button