En portadaÚltima hora

O Barco CCA prepara as campañas de primavera

Os microdesfiles do programa “Actualiza o teu estilo” celebraranse en 20 establecementos barquenses, o 20 e 21 de abril
Presentación da campaña "Actualiza o teu estilo". /Foto: Carlos G. Hervella.
Presentación da campaña “Actualiza o teu estilo”. /Foto: Carlos G. Hervella.

Coa chegada do mes de abril, a Asociación Obarcoaberto Centro Comercial pon en marcha as campañas de primavera.

A primeira “Actualiza o teu estilo” celebrarase os días 20 e 21 de abril e centrarase en microdesfiles ou desfiles en ruta, nun total de 20 establecementos asociados (comercios de moda e complementos, alimentación e servizos). Despois do éxito da primeira edición celebrada o ano pasado, “decidimos volver apostar por esta actividade para a cal contaremos con dous modelos masculinos e outras dúas femininas que desfilarán por unha alfombra vermella colocada na entrada dos comercios”, explicaba a presidenta do CCA Sandra Moldes na presentación celebrada na tarde do 5 de abril.

IMG_2865

A propia Sandra explicou que nesta ocasión, en lugar de contar cunha personal shopper como o ano anterior, contrataron a un profesional que se encargará de coordinar a actividade entre os modelos e os comercios, que sacarán á rúa as tendencias de primavera/ verán. Ademais, na sede da asociación instalarase unha urna na que depositar os tickets das compras realizadas neses dous días, para entrar no sorteo dunha fin de semana nunha casa rural en Rianxo.

A presidenta e a vicepresidenta do CCA O Barco, Sandra Moldes e Mª Ángeles Rodríguez. /Foto: Carlos G. Hervella.
A presidenta e a vicepresidenta do CCA O Barco, Sandra Moldes e Mª Ángeles Rodríguez. /Foto: Carlos G. Hervella.

Co obxectivo de promover as compras no Barco de Valdeorras e potenciar o comercio local, están xa nas rúas os mupis promocionais da nova tempada, que baixo o lema “Non é un xogo” e con datos reais, pretende concienciar á poboación dos beneficios de mercar no pequeno comercio.

Outra das campañas de primavera que levarán a cabo dende O Barco Centro Comercial Aberto é a do Día da Nai, así como a colaboración co Concello do Barco na Festa dos Maios.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button