EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco CCA renovará a súa xunta directiva en decembro

Así o anunciaba a súa presidenta, Sandra Moldes, no decurso da asamblea anual desta entidade celebrada na tarde do 14 de novembro

 

Os asociados do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) celebraban na tarde do 14 de novembro a súa asemblea xeral anual no Restaurante Fernando III da vila. Na reunión resultaban aprobados todos os puntos da orde do día, entre eles a memoria de actividades do exercicio do 2018. A presidenta da entidade, Sandra Moldes, facía un repaso das diferentes accións realizadas ao longo do pasado ano, entre elas a campaña de Nadal e a dos namorados, as Xornadas gastronómicas do Entroido, as campañas do día do Pai, de primavera, do día a Nai, a Noite Branca, o Mercaberto, etc.

Tamén se aprobaban as contas do 2018 e a previsión de orzamento para o 2019, ademais das novas solicitudes de afiliación á asociación, un total de 5. A presidenta anunciaba que se cumpren xa os catro anos de mandato da directiva actual do CCA. “Moitos dos membros da xunta levamos formando parte dela máis dun mandato, así que debemos deixar paso a outras persoas que aporten novas ideas. En decembro convocarase unha asemblea extraordinaria para elixir a unha nova xunta directiva e a un novo presidente. Animamos á xente a que presente candidatura”, aseguraba Sandra Moldes.

 

Algúns dos asistentes á asemblea.

 

Despois dábase paso ao apartado de rogos e preguntas no que a presidenta falaba de diversas cuestións relativas á vindeira campaña de Nadal, como é o caso do alumado navideño nas rúas e das actividades que se prevén para esas datas festiva.

A clausura da reunión estaba dedicada ao Camiño de Inverno, unha ruta xacobea que entra en Galicia pola comarca de Valdeorras, e que o CCA considera que “pode ser unha gran oportunidade para o comercio local”. Nese senso, a entidade participará nas iniciativas que se promovan dende a Xunta de Galicia para a posta en valor deste itinerario oficial e tamén realizará proxectos en colaboración coa Asociación Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, como é o caso dun plano que indique por onde pasa o itinerario no Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button