En portadaÚltima hora

O Barco celebra unha multitudinaria e festiva XIII Carreira Popular do Turrón

 

Renos, elfos, árbores de Nadal, turróns, bonecos de neve, cometas… A XIII Carreira do Turrón congregaba, un ano máis e pese ás baixas temperaturas, a multitude de persoas na tarde do 27 de decembro no Barco. Trátase dunha auténtica festa deportiva na que o importante é participar e desfrutar. E así o demostraban os preto de 1.300 corredores de todas as idades desta edición, segundo os datos da organización.

Os primeiros en tomar a saída eran os máis pequenos. Facíano arredor das 20:20h. dende o Paseo do Malecón, á altura do Teatro Lauro Olmo, e logo dirixíanse cara a praza Andrés de Prada, onde estaba situada a meta.

 

 

Un cuarto de hora despois e, tras un baile de zumba, era o turno dos maiores que partían dende a praza Andrés de Prada para iniciar un percorrido de ata tres voltas (saíndo pola avenida Conde Fenosa e logo seguindo ata o Paseo do Malecón para regrasar a Andrés de Prada). Durante a carreira, contábase coa colaboración da Policía Local e de Protección Civil do Barco para regular o tráfico e velar pola seguridade.

 

 

Unha vez finalizado o percorrido, os participantes podían saborear un chocolate con churros e logo procedíase á entrega dos premios individuais: ao corredor máis xove, neste caso Daniela; á máis veterana, Victoria Álvarez, e ao máis veterano, José Barreiro. Ademais dábanse tres premios aos mellores disfraces individuais e sete aos colectivos.

 

No apartado de premios colectivos tamén se recoñecía á entidade con máis asociados na carreira, que era Disvalia, e ao club con máis deportistas, producíndose neste caso un empate entre o Volei Barco e o Club Fluvial Barco.

A carreira, organizada pola Concellería de Deportes do Barco, completábase co sorteo dunha serie de agasallos (doados por Deportes e Bicis Chapi, Tri-Sport, Fisioterapia Ecom e Centro Odontolóxico de María Varela) entre os participantes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos:
https://osil.info/videos-das-saidas-da-xiii-carreira-popular-do-turron-do-barco/

Artigos relacionados

Back to top button