CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Barco celebrará a primeira edición do “Valdeo Fest”

Unha festa musical deseñada para todos os públicos ás beiras do río Sil
Cartaz de Valdeo Fest.
Cartaz de Valdeo Fest.

O rock continúa na comarca de Valdeorras. O próximo día 15 de agosto O Barco acollerá a primeira edición do Valdeo Fest, un certame de música á beira do río Sil, organizado pola Asociación de Músicos Alternativos de Valdeorras (AMAVA).
O ambiente festivo respirarase dende as dez da mañá. Inchables, karaoke ou festa da escuma serán algunhas das actividades pensadas para os cativos.

Coa saída da lúa a música rock acaparará todo o protagonismo. Grupos da bisbarra como Black Label, Trasnochando ou Placeres Solitarios serán os encargados de darlle ritmo á noite barquense.

“En tempos de crise non lle podemos pór escusas á diversión. É un evento gratuíto para todos os públicos e o fin é pasalo ben”, remarcaba Carlos Blanco, presidente de AMAVA.

Así mesmo, asegurou que esta iniciativa ten como meta “sacar as rúas o traballo dos músicos da zona para que a xente os vexa e os valore”.

Entrevista a Carlos Blanco

O presidente da Asociación de Músicos Alternativos de Valdeorras, nunha entrevista exclusiva para O Sil, explicou os inicios desta agrupación. “AMAVA xurdiu da necesidade dos músicos do pobo por ter un local de ensaio. Xuntáronse, solicitaron un local ao Concello e, a partir dese momento, foron aparecendo máis músicos”, recordaba Carlos Blanco.

Carlos Blanco, presidente de Amava./ Foto: Miguel Gómez Longo.
Carlos Blanco, presidente de Amava./ Foto: Miguel Gómez Longo.

Tampouco esqueceu o obxectivo primordial da asociación: “dar un lugar aos mozos para reunirse a ensaiar”. A pesar de que algunha xente empeza a coñecer agora este colectivo, o seu traballo remóntase a hai cinco anos, cando unha ducia de asociados puxo este soño en marcha.

De cara ao futuro, a directiva da asociación vai paso a paso e proponse metas a curto prazo: “imos rezar para que o Valdeo Fest saia ben”, comentou entre risas o presidente.

A seguinte actividade programada por AMAVA será unha Jam Session, que terá lugar a finais de mes. Trátase dunha quedada informal entre diferentes músicos dos diversos grupos da zona.

Texto: Miguel Gómez Longo

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button