ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco Centro Comercial Aberto, nunha das mesas redondas do I Congreso Galego de CCAs

A xerente desta entidade expoñía neste foro a campaña de dinamización comercial e de hostalaría "Máis Barco"

A xerente do Barco CCA, Ainhoa Carracedo (na parte superior central), durante a mesa redonda.

 

As novas fórmulas de dinamización comercial para adaptarse aos cambios nos hábitos de consumo e aos protocolos sanitarios esixidos para facer fronte á pandemia están a centrar o I Congreso Galego de Centros Comerciais Abertos (CCAs) e Centros Comerciais Urbanos (CCUs), que se está a desenvolver de forma online dende onte, 10 de marzo.

Na sesión deste 11 de marzo o programa incluía a participación do Barco Centro Comercial Aberto. En concreto, na mesa redonda titulada “Estratexia pública para a reactivación do consumo no pequeno comercio, hostalaría e servizos. Experiencias políticas de incentivo das vendas”. No seu decurso a xerente do CCA barquense, Ainhoa Carracedo, expoñía o proxecto de dinamización comercial “Máis Barco”, unha idea do Concello do Barco desenvolvida a través dun convenio de colaboración entre esta administración local e a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), e contando coa colaboración do CCA.

Ainhoa Carracedo explicaba en que consistía esta campaña, que se apoiaba na tarxeta “Máis Barco”, cun saldo de 50€ (dos que 20 eran aportados polo Concello e os 30 euros restantes polo solicitante da mesma). Estas tarxetas, cuxo prazo de uso aínda non rematou, poden utilizarse exclusivamente nos establecementos comerciais e hostaleiros do Barco adheridos á campaña, máis dun cento e que contan cunha identificación no seu exterior.

A xerente do CCA indicaba tamén que durante o prazo establecido para a solicitude e reparto destas tarxetas pedíronse e entregáronse un total de 4.031. Isto supuxo a mobilización de máis de 200.000 euros para gastar nos 115 establecementos barquenses (de todas as ramas da actividade comercial e hostalaría) adheridos á campaña, da que fixo un balance positivo.

Esta iniciativa suscitaba gran interese entre os asistentes ao congreso, que realizaron diversas preguntas para coñecer máis polo miúdo as singularidade e desenvolvemento da campaña “Máis Barco”. Na mesa redonda na que interviña a xerente do Barco CCA tamén participaban Emma Cid, conselleira técnica do Concello da Coruña; Patricia García, xerente de Gasteiz On de Vitoria Gasteiz; Zulema Fresco, represante de Zona Aberta de Vilagarcía. Estas poñentes amosaban diversas experiencias de dinamización comercial xurdidas nesas zonas para facer fronte á crise socioeconómica do Covid

 

Cartel deste primeiro congreso.

 

Este primeiro simposio está organizado polo Arteixo Centro Comercial Aberto, que exerce de anfitrión, en colaboración coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos. O proxecto nace adaptado ás circunstancias actuais, pero coa idea de ter continuidade no futuro, segundo os seus promotores.

Artigos relacionados

Back to top button