DeportesEspecial Cristo 2016Galerías de fotosÚltima hora

O Barco comeza o día grande do Cristo co Madrugón no Sil

Fieis á tradición, un grupo de valentes retaron ao frío baixando a nado da Capitana ao Malecón

O Barco de Valdeorras vive hoxe, mércores 14 de setembro, o día grande das Festas do Cristo. E nada mellor para comezar a xornada que facelo no río, ás 8 da mañá e nadando. Así o facían os valentes homes e mulleres que un ano máis participaban no Madrugón, baixando a nado polas frías augas do Sil dende a Capitana ata o Malecón. Unha tradición e un dos sinais de identidade das festas grandes do Barco, que nacía no ano 1992 e dende entón, en maior ou menor medida, con máis ou menos nadadores, mantense viva.

Máis que unha proba competitiva, este chapuzón festivo é unha actividade lúdica na que os participantes disfrutan, aínda que tamén pasen frío. Por iso, non dubidan en botar man do licor café para entrar en calor e coller os folgos necesarios para entrar na auga. A partires de aí, todo é moi rápido e acompañados polos membros de Protección Civil, completan os escasos 300 metros de distancia, sécanse, vístense e rematan a tarefa cun gran almorzo no Cafetín.

Como non podía ser doutro xeito, tamén houbo agasallos para os máis rápidos que un ano máis foron Pablo Israel Rodríguez e a súa muller Grit Hagen, que non teñen rivais nesta cita lúdico-deportiva á que non faltaron os concelleiros de Deportes, Aurentino Alonso (leva anos participando); e de Cultura, Margarida Pizcueta.

Máis información no Especial Festas do Cristo do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button