AletismoDeportesÚltima hora

O Barco convertirase na capital do atletismo español coa celebración do XIII Campionato de España de 10 km en ruta

Un día despois de presentarse en Valdeorras, a proba era presentada na Deputación de Ourense

Isidoro Hornillos, Alfredo García, Rosendo Fernández, Aurentino Alonso e Lalo Gómez, na presentación.

 

O Barco de Valdeorras converterase, o próximo 8 de maio, no epicentro do atletismo español coa celebración do XIII Campionato de España de 10 quilómetros en ruta, organizado pola Federación Galega de Atletismo, o Concello barquense e a Federación Española de Atletismo xunto coa colaboración da Deputación, ao que seguirá unha carreira popular que discorrerá polo mesmo circuíto, urbano e totalmente chairo.

Un día despois de presentarse no Barco, o campionato era presentado no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; do alcalde do Barco e mailo concelleiro de Deportes, Alfredo García e Aurentino Alonso, respectivamente; e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. Na presentación tamén estivo Lalo Gómez, vicepresidente 1º da Federación Galega de Atletismo e presidente do Aurum Ourense Atletismo.

Rosendo Fernández puxo de relevo “a importancia dun evento que chega ao Barco e máxime tratándose da esencia do deporte, o atletismo, a modalidade máis antiga que se coñece”, destacando que este campionato “é froito do traballo organizativo da federación e o concello, a colaboración da Deputación e a implicación do club local ADAS”.

Alfredo García tamén subliñou a importancia da colaboración afirmando que a proba “vai ser un éxito de todos”, ao tempo que destacou que “será un fito no Barco, pois xa non quedan aloxamentos libres para esa data”. Tamén quixo agradecer Aurentino Alonso o patrocinio de entidades e empresas da comarca “que desde o primeiro momento se puxeron a disposición da organización deste evento”.

Isidoro Hornillos explicou os detalles dun campionato que se celebrará “nun lugar emblemático do atletismo galego” e que supón o regreso desta proba á comunidade, despois da celebración en Ribadavia da primeira edición (2009) e cinco anos despois (2014) en Padrón na sexta convocatoria. A organización agarda a inscrición de preto de 600 corredores que participarán nas categorías absoluta e máster, individuais e por equipos.

 

Artigos relacionados

Back to top button