A VeigaConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco e A Veiga, entre os concellos con proxectos na programación de “O teu Xacobeo”

O delegado da Xunta en Ourense asegura que “este tipo de actividades reflicten moi ben o espírito participativo do programa, que busca implicar a toda a poboación e chegar a todo o territorio”

 

O Goberno galego vén de aprobar unha ampla oferta sociocultural e deportiva dentro o programa “O Teu Xacobeo” para a promoción e a dinamización do Ano Santo 2021. Así o afirma o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, puntualizando que en Ourense “desenvolveranse varios proxectos, aos que hai que engadir os itinerantes e outros de formato dixital que abarcan diferentes concellos e provincias”.

“O Teu Xacobeo” conta con tres liñas de axudas que atenden á tipoloxía dos beneficiarios. A primeira: concellos, mancomunidades, consorcios locais galegos e deputacións provinciais de Galicia; a segunda: persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidas na definición de pequena e mediana empresa; e a terceira: entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

“Deste xeito”, explica Gabriel Alén, “soamente na primeira liña de axudas, Ourense recibiu máis de 123.000 euros para desenvolver 12 proxectos en concellos da provincia”, e salientou que “este tipo de actividades reflicten moi ben o espírito participativo do programa, que busca implicar a toda a poboación neste Ano Santo que acaba de arrancar, con actividades que chegarán a todo o territorio”.

 

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro.

 

Así, a través dunha programación, variada, plural e descentralizada  levaranse adiante proxectos nos concellos do Barco de Valdeorras, Monterrei, Vilar de Barrio, Pereiro de Aguiar, Coles, San Cristovo de Cea, Celanova, Riós, Xunqueira de Ambia, Castro Caldelas, A Veiga e Laza, onde se desenvolverá unha ampla oferta sociocultural e deportiva. Segundo o delegado territorial, estas iniciativas amosan que “pese a ser unha época chea de dificultades a Xunta estase a volcar nesta celebración, porque esperamos que sexa un piar para a reactivación do turismo e da economía da nosa provincia e do resto da Comunidade”.

Na súa segunda fase, o programa pretende dinamizar os concellos que forma parte da Vía da Prata-Camiño do Sueste achegando un impulso ao diálogo entre a totalidade dos concellos polos que pasa o Camiño e “dando voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo do Roteiro Xacobeo”, conclúen dende a Xunta.

Artigos relacionados

Back to top button