ConcellosÚltima hora

O Barco emite un bando para concienciar aos veciños das zonas rurais de que hai que cumprir coas normas do estado de alarma

Os veciños poden atender ás hortas e aos animais pero "non está permitido pasear polas rúas nin prazas dos pobos e aldeas, nin manter conversas cos veciños, nin recibir familiares ou amigos na casa"

Concello do Barco. /Foto: A.R.

 

Tras comprobarse que “en zonas rurais do municipio non se está cumprindo co estado de alarma tal e como se debera”, dende o Concello do Barco veñen de emitir un novo bando que colocarán nos diferentes pobos.

No debandito texto, o alcalde Alfredo García lembra que a situación xerada pola evolución do coronavirus COVID-19 supuxo a adopción de medidas de contención extraordinarias polas autoridades de saúde pública que inclúen, entre outras, o peche de centros educativos e a prestación de moitos servizos.

Ademais, coa aprobación do Estado de Alarma, “todos os cidadáns están obrigados a quedar na casa e só poderán saír á rúa e a espazos públicos nos seguintes supostos:

  • Merca de alimentos, medicamentos ou outros produtos de primeira necesidade.
  • Visitas ao médico ou a hospitais.
  • Acudir ao traballo.
  • Retorno ao lugar de residencia.
  • Coidado de maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
  • Visitas a entidades financeiras e de seguros.
  • Por causas de forza maior ou situación de necesidade.

“Comprobouse que veciños de moitas poboacións do rural do Concello do Barco non están a cumprir co estado de alarma, coas consecuencias que puideran derivarse en caso de existencia dalgún caso de contaxio nalgunha das localidades do municipio”, asegura o alcalde, lembrando que, neste senso, “a orde e as condicións do Estado de Alarma son para todos os cidadáns, non só para os que residen en vilas ou cidades, xa que toda veciñanza corre o mesmo risco, e toda a veciñanza debe cumprir coa orde”.

Os veciños poden atender ás hortas e aos animais, pero “non está permitido pasear polas rúas nin prazas dos pobos e aldeas, nin manter conversas cos veciños, nin recibir familiares ou amigos na casa”. O decreto do Estado de Alarma contempla sancións en caso de que sexa incumprido, pero, sobre todo, “hai que lembrar que ninguén, nin sequera os pobos máis pequenos, están libres de que esta grave enfermidade, que xa é pandemia mundial, lles poda afectar”, conclúe o bando municipal.

Artigos relacionados

Back to top button