ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco enceta os actos do Día da Muller cun pleno municipal de alumnos

Acordaban por unamidade unha serie de medidas de apoio ás mulleres neste concello valdeorrés

O Teatro Lauro Olmo acollía no mediodía do 8 de marzo un singular evento. Sobre o seu escenario desenvolvíase un pleno municipal de alumnos, presidido, como alcaldesa, por Mireia Rodríguez, estudante do IES Lauro Olmo do Barco. Abría a sesión e explicaba o valor do 8 de marzo, no que se conmemora o Día da Muller, así como os feitos que fixeron que se escollese esta data para esta celebración.

De seguido, tomaban a palabra os portavoces de cada un dos grupos municipais, un deles representando ao IES Lauro e o outro ao grupo do Colexio Divina Pastora. Este último, Isaac Cruz, era o primeiro en intervir chamando a atención sobre a situación da muller musulmá e propoñendo unha serie de plans de integración en ámbitos como o laboral, no ensino…

Logo participaba o representante do “grupo municipal” do IES Lauro Olmo, Pablo Neira, cuxas propostas incidían especialmente no ámbito da conciliación laboral para as mulleres traballadoras do concello. Cada unha das propostas votábase e finalmente conseguíase, por unanimidade, a súa aprobación.

“Este apoio ás propostas debería ser un exemplo para o pleno real do Barco”, destacaba ao termo do acto o concelleiro de Servizos Sociais do Barco, Orlando Saavedra, xunto aos alumnos participantes neste pleno de alumnos, no que tamén estiveron presentes estudantes do IES Martaguisela.

O programa do Día da Muller continuará ao longo da xornada con proxeccións do traballo “Valdeorras con voz de Muller” (que tamén podía verse ao inicio do pleno de alumnos) en tres puntos da vila: a praza do Concello, a entrada do Teatro Lauro Olmo e a entrada dun céntrico supermercado. Ademais pola tarde ás 19h. terá lugar un Foro-debate no salón de actos do concello coa participación de mulleres da comarca de Valdeorras.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button