En portadaÚltima hora

O Barco, entre os concellos da provincia cuxas farmacias poderán detectar casos de Covid

A Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Ourense colaborarán nun cribado nos municipios de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín , Barbadás, O Irixo e Boborás

Imaxe da rolda de prensa na que participaban o conselleiro de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos de Ourense, entre outros profesionais.

 

As farmacias dos concellos ourensáns máis afectados pola Covid farán cribado de Covid-19. Así o sinalaban esta mañá en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes. Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en establecer unha colaboración coas farmacias para aumentar a capacidade diagnóstica da Covid-19 e poder detectar positivos máis rapidamente a través de test serolóxicos.

Deste xeito, a rede de farmacias comunitarias da provincia de Ourense participará nun estudo epidemiolóxico promovido pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a pedimento do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos de España, orientado a identificar e detectar posibles casos de Covid-19 nas súas instalacións.

Trátase dunha colaboración “totalmente voluntaria e desinteresada por parte dos farmacéuticos ourensáns” que adhiran á iniciativa, indicaba o conselleiro de Sanidade. Dende esta tarde e ao longo da vindeira semana, calquera cidadán dos concellos de Ourense, O Carballiño, O Barco, Verín, Barbadás, O Irixo e Boborás que o desexe, pódese facer un test serolóxico gratuíto para a detección de anticorpos de Covid-19 nas oficinas de farmacia adheridas (nas que se identificarán cun cartel), segundo Sanidade. No caso de atoparse algún positivo, dende a farmacia avisarase aos servizos sanitarios e realizaríaselle unha PCR.

Arestora aínda non está pechada a lista de farmacias que participarán na iniciativa, pero sobre esta cuestión irase publicando información adicional na páxina web do Colexio de Farmacéuticos de Ourense: https://www.cofourense.com/

O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes, precisou que para realizarse este tipo de probas, haberá que pedir cita previa online en citaprevia.cofourense.com ou ben solicitala de xeito presencial nas farmacias que participen nesta iniciativa. O conselleiro engadiu que hai xa ofrecementos doutros colectivos profesionais que confía que saian adiante, para poder colaborar e complementar, deste xeito, o traballo dos profesionais sanitarios, sumando todos esforzos na mesma dirección.

Cribados nos centros sociosanitarios e nos campus universitarios

Durante a rolda de prensa, o titular de Sanidade anunciou que, dende a vindeira semana, vaise facer un cribado aos 15.500 profesionais dos centros sociosanitarios galegos. Este cribado vaise realizar mediante automostra de saliva e analizarase por medio da técnica pooling que permite analizar varias mostras á vez, o que multiplica a rapidez na obtención dos resultados que estarían dispoñibles no mesmo día.

En canto aos cribados entre os universitarios que vai realizar a Consellería de Sanidade durante os vindeiros días, xa comezaron a realizarse nas residencias universitarias de Santiago onde estase a rexistrar unha alta adherencia dos estudiantes. Mais do 80% dos chamados acudiron a realizarse as probas, aínda que todavía é pronto para establecer algún tipo de conclusión. Durante a próxima semana, as probas iranse estendendo progresivamente a os sete campus universitarios galegos.

As dúas vindeiras semanas poden ser críticas na evolución da pandemia

Os facultativos Sergio Vázquez e Tato Vázquez Lima, que participaron na xuntanza, reiteraron a necesidade de evitar xuntanzas con amigos e familiares que non sexan estrictamente imprescindibles. Apelaron, así mesmo, á responsabilidade no uso da máscara tamén en espazos cerrados e subliñaron que ás dúas vindeiras semanas poden ser críticas na evolución da pandemia.

 

Artigos relacionados

Back to top button