ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco, escenario da oitava xuntanza da UPJP de UXT Galicia

Unhas 500 persoas  xubiladas compartían unha xornada de confranternidade na vila barquense, cunha lembranza especial para o sindicalista José Paradelo

Este sábado 11 de maio O Barco acollía a oitava xuntanza da UPJP (Unión de Pensionistas, Xubilados e Prexubilados) de UXT Galicia. Unhas 500 persoas chegadas dende diferentes puntos da comunidade participaban neste encontro que, por vez primeira se celebra na provincia de Ourense. “Ata o de agora tíñase celebrado nas grandes cidades galegas, pero nesta ocasión decidimos cambiar iso, miramos cara o interior e escollimos con moi bo acerto O Barco”, comentaba o secretario xeral desta entidade, Valentín Tato.

 

 

O encontro principiaba pola mañá cunha visita á adega Roandi (Éntoma) e aos seus viñedos. Deste xeito este grupo de xubilados achegábase a un dos sectores de referencia de Valdeorras: o vitivinícola. Despois reuníanse no pavillón vello do Barco onde tiña lugar un acto que comezaba cun minuto de silencio en memoria de Alfredo Pérez Rubalcaba.

Deseguido, o secretario xeral dos xubilados de UXT, Valentín Tato, comentaba que o encontro deste ano estaba adicado “ao 130 aniversario da Unión Xeral de Traballadores” e lembraba que “moitos dos que estades aquí fostes partícipes do rexurdimento da UXT e contribuístedes a convertir este sindicato no que hoxe segue sendo”.

A continuación tomaban a palabra outros representantes do sindicato, entre eles o vilamartinés Rafael Vega que, “como valdeorrés saúdobos e douvos á benvida. Esta é unha zona alonxada dos centros de decisión, das capitais, pero é unha comarca moi potente en todos os sentidos”. Ademais facía unha lembranza especial á figura de Pepe Paradelo, “que foi durante moitos anos secretario da Unión Comarcal de Valdeorras, e un referente para todos nós”.

Interviña ademais o alcalde do Barco, Alfredo García, que estaba tamén acompañado polos acaldes de Vilamartín e de Petín. O rexedor agradecía a elección do Barco como escenario desta xuntanza e amosábase convencido de que a partir de agora todos os asistentes serán “embaixadores de Valdeorras por onde vaian”.

 

Finalmente tomaba a palabra Isabel González, secretaria de Política Social de UXT Galicia, quen expresaba o seu agradecemento aos asistentes “por toda a aportación que viñestedes facendo para construír unha realidade, un país e un estado de benestar”, ademais pedía o seu apoio porque “necesitamos que esteades ao noso lado para seguir facendo aportacións nas mesas de negociación e para seguir loitando”. Ademais agradecía a colaboración do sindicalista valdeorrés Víctor Pariente na organización deste encontro galego.

A música da Internacional e do himno galego pechaba este acto, que daba paso a un xantar de confraternidade.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button