En portada

O Barco esixe a “visita inmediata” de responsables de Sanidade ante “a gravidade da situación” no hospital valdeorrés

Remitirán unha carta ao conselleiro de Sanidade e ao xerente da EOXI ourensá para que veñan á comarca a dar explicacións

Os portavoces de tres dos catro partidos políticos presentes na Corporación do Barco de Valdeorras (PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá) comparecían ante os medios de comunicación na mañá do 7 de novembro no Concello para demandar unha resposta “inmediata” da Administración galega ante “a gravidade da situación” da sanidade en Valdeorras.

“A situación é absolutamente crítica. O Hospital Comarcal de Valdeorras está nestes momentos como cando eu me incorporei a el en 1984, a única diferenza é que, a data de hoxe, mantén en funcionamento xinecoloxía, obstetricia, laboratorios e oftalmoloxía”, alertaba o concelleiro de Sanidade do Barco, que tamén exerceu a medina na zona, Orlando Saavedra.

Deseguido, expoñía, servizo por servizo, a situación da atención no hospital. “En cirurxía xeral hai un servizo en mínimos, suspendéronse as intervencións programadas e as urxentes reducíronse ao mínimo, trasladándose a Ourense na súa maioría e a Vigo”, comentaba. Falaba tamén da perda da dermatóloga, da do médico preventivista, do médico de admisión, e do estado de servizos como traumaloxía “con recursos mínimos, un traumatólogo fai a actividade cirúrxica e pasa pola tarde a consulta a 20 ou 30 pacientes, con consultas de 2 minutos”, dicía Saavedra.

 

 

Con relación á pediatría indicaba que “hai un médico que vén a facer a súa garda, só para urxencias, suspendendo as consultas programadas, situación que tamén repercute na atención de consultas en Ourense. En Rehabilitación temos visitas esporádicas dos facultativos de Ourense e dunha clínica privada de Ponferrada, e isto afecta a todos os procesos de rehablitación e tratamentos de fisioterapia”.

O edil barquense mencionaba tamén a perda de actividade cirúrxica en uroloxía, a “mínima actividade da hospilización a domicilio por falta de recursos e facultativos” e “problemas cos traslados e recursos de ambulancias polo exceso de traslados” e recordaba que a Valdeorras “non se lle adxudicou nin ambulancia de altas prestacións, nin de montaña, pese ás características da nosa orografía”.

Tamén se falaba da Atención Primaria, “con déficit de recursos para a substitucións, axendas duplicadas, tanto de médicos de familia como de pediatras, da necesidade de melloras en infraestruturas como é o caso do Centro de Saúde da Rúa, a retirada da segunda praza de médico en Rubiá ou a aparición de prazas compartidas como a do médico de Viana e Vilariño de Conso”, aseguraba Saavedra.

 

 

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Suso Vilasánchez, manifestábase de xeito semellante e aseguraba que se observa “un sistema de maltrato continuo e de falta de planificación sanitaria en Valdeorras”. Tamén matizaba que á xunta de persoal do HCV negánselle datos sobre “que prazas orzamentadas hai no hospital e sobre canta xente ten asinada a súa praza e non está no centro”.

Para o portavoz de Riada Cidadá, Félix García, “o deterioro do hospital é unha medida política consciente, son tamén as condicións de traballo que se lle ofrecen ao persoal sanitario. Esta é unha opción política para que a sanidade pública se deteriore e se impulse a sanidade privada”.

Neste senso, o Concello do Barco esixe “a visita institucional inmediata, tanto do xerente de área de Ourense como do propio conselleiro de Sanidade, para que dean explicacións sobre o presente e o futuro a corto e a medio prazo da sanidade da comarca”, tal e como se indica na carta que se lle remitirá ao xerente da EOXI ourensá e ao conselleiro de Sanidade, asinada por todos os grupos políticos da Corporación agás polo PP.

 

 

Na misiva exponse que no pleno barquense do 5 de setembro aprobábase por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que se pedía a “convocatoria inmediata” por parte da Consellería de Sanidade do Consello de Saúde do distrito sanitario de Valdeorras, para “informar da situación na que se atopa a sanidade nas comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana”.

Explícase tamén que o 23 de setembro dende o Concello do Barco remitíuselle esta petición á consellería, “sendo recibida o 26 de setembro. A día de hoxe non temos notificación algunha da citada convocatoria aínda que esta semana tivemos a desagradable noticia dun paso máis na degradación e o deterioro hospitalario, coa suspensión da cirurxía programada, a perda da dermatóloga, anulación de consultas de pediatría, déficit do cadro dos traumatólogos, e un longo etc, así como o déficit xeralizado na comarca na Atención Primaria”.

Tras o envío desta carta, agardárase un “tempo prudencial” e no caso de non recibir resposta, está previsto que se tome outro tipo de medidas, ademais da reactivación da plataforma en defensa da sanidade pública de Valdeorras. “Temos un problema gravísimo e non podemos permanecer calados por máis tempo, a situación é lamentable”, concluían os comparecentes, entre os que tamén estaba o alcalde do Barco, Alfredo García.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button