ConcellosÚltima hora

O Barco fará unha plantación de 150 árbores de ribeira no Salgueiral

Terá lugar o vindeiro 21 de marzo e nela participarán alumnos dos centros escolares e tamén técnicos de Medio Rural e do Concello

Na área recreativa do Salgueiral (O Barco) realizarase o vindeiro 21 de marzo unha plantación de 150 árbores de ribeira: freixos, amieiros, abeleiras e bidueiros, que serán aportados pola Consellería do Medio Rural. Anunciábano en rolda de prensa o 25 de febreiro o alcalde barquense, Alfredo García, e a concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray.

Nesta plantación, que se fará coincidir coa celebración do Día da Árbore, participarán escolares dos colexios do municipio, ademais de técnicos do Concello e da Consellería do Medio Rural. “Tamén se pediu a autorización á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS). Estas árbores plantaranse coa separación adecuada entre elas para evitar que nas crecidas do río fagan un efecto de balsa e que auga suba de nivel”, indicaban.

Esta plantación ten lugar despois da tala de chopos realizada nesta zona, ante a perigosidade que supuñan. “Os chopos a partires dos 30 anos son perigosos porque apodrecen por dentro e poden caer, ademais carecen de interese medioambiental. As árbores que imos plantar son seguras e duradeiras”. O alcalde do Barco tamén adiantaba que en marzo procederase a realizar unha limpeza do Salgueiral, tendo en conta os efectos nesta zona das últimas crecidas do río.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button