DeportesEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco homenaxea a Jesús Carrera, “eterno 3” do Pizarras Tres Cuñados F.S.

O acto tiña lugar no pavillón de Calabagueiros tralo último partido de liga disputado ante Boal FS

Agora si. O Pizarras Los Tres Cuñados F.S., O Barco e toda Valdeorras despediuse de Jesús Carrera, Jess, o “eterno Nº 3” do equipo de fútbol sala, falecido nun fatídico accidente hai catro meses. E facíao por todo o alto, cunha sentida e emotiva homenaxe no último partido de liga en segunda divisón B, disputado en casa, no pavillón de Calabagueiros, na tarde do 20 de maio contra Boal FS.

Os rapaces de Xocas loitaron ata o final, con goles de Josiño, Dilín, Bruno e Corzo, pero finalmente non lograron superar os 7 goles dos asturianos que levaron os puntos. Non así os aplausos do numeroso público que asistía ao encontro dende a bancada, aplaudindo ata o final a coraxe do equipo valdeorrés que soubo sobrepoñerse a tan duro golpe, continuando na liga, porque tal como eles mesmos aseguran “era o que Jesús houbera querido”, que seguiran mantendo o equipo que el tanto quería. Sobre o parqué, o seu irmán, compañeiro e amigo, Bruno (gravemente ferido no mesmo accidente que lle custou a vida a Jesús) adicoulle, como non podía ser doutro xeito, o seu gol.

O partido e a liga remataban aí, co 4-7 no marcador, pero a memoria, a forza e o espírito de Jess quedará para sempre no pavillón. A súa camiseta enmarcada colgada nun lateral do pavillón así o demostra. O acto no que se descubría contou coa presenza dos xogadores, directivos, amigos, familiares e tamén do alcade do Barco, Alfredo García e do concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso. O presidente do club, Santiago Vázquez daba ás grazas a todos polo apoio durante a tempada, especialmente á familia “porque nos destes leccións inesquecibles e, se nalgún momento tivemos dúbidas sobre se continuar, fostes vos quen nolas quitastes dándonos a forza necesaria”. Tras estas palabras, máis pequenos das escolas deportivas de fútbol sala entregaban, con todo o seu corazón, un ramo de flores á nai de Jesús e Bruno e de seguida, tanto ela como o seu pai descubrían a camiseta coa que o seu fillo fixo o que máis lle gustaba: xogar ao fútbol sala.

Tal como reza na placa: “O noso partido non rematou. Seguimos xogando contigo. Nunca deixarás de vivir connosco. Sempre Jess”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button