Como cada 15 de xaneiro, a Policía Local do Barco de Valdeorras vén de celebrar a festa na honra ao seu patrón, San Mauro. Unha celebración que comezaba ás doce e media da mañá do xoves coa procesión polo casco vello da localidade.
Nin a chuvia, nin as fortes rachas de vento que protagonizaron a xornada invernal, impediron que os municipais levasen a imaxe do santo a ombros, acompañados polos fegreses e un grupo de gaiteiros, completando o percorrido pola praza Maior e as rúas Real e Oscura, para regresar de novo á igrexa que lle dá nome, onde tiña lugar a eucaristía cantada polo coro da parroquia de San Mauro.
Trala celebración relixiosa, á que tamén asistiron membros da corporación municipal e da Garda Civil, municipais, amigos e familiares compartiron un aperitivo no restaurante San Mauro.
Fotos: Carlos G. Hervella.