ConcellosÚltima hora

O Barco incrementa o seu orzamento no 2015, chegando aos 8,4 millóns de euros

Na Comisión de Facenda celebrada o 9 de decembro entregábase aos grupos políticos a documentación relativa ao orzamento
O alcalde do Barco, Alfredo García, durante un pleno./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O alcalde do Barco, Alfredo García, durante un pleno./ Foto: Ángeles Rodríguez.

O do 2015 será un orzamento especial para O Barco. Primeiro porque será o último da lexislatura actual. Pero tamén porque, logo de varios anos de descensos, rexistra un incremento con respecto aos anteriores exercicios. Así o destaca o rexedor barquense, Alfredo García na memoria da alcaldía, un dos documentos que se lle entragaba aos grupos políticos na comisión municipal de Facenda celebrada no mediodía do 9 de decembro.

Así o orzamento do Barco para o 2015 ascenderá a 8.442.363,58 euros. “Pese á situación de crise e de endebedamento xeneralizado das administracións públicas, o Concello do Barco non tivo que asumir plans de saneamento nin acollerse ao plan de pago a provedores. Isto foi posible grazas á política de control de gasto que este concello ven practicando desde hai anos, aínda que esta estabilidade continuada, con contas saneadas, non librou ao Concello de ter que seguir as directrices do goberno central derivadas da política xeral de control orzamentario”, tal e como se expón na memoria da alcaldía.

Entre esas directrices, matiza Alfredo García, “está a de non permitir novas contratacións para cubrir as prazas existentes, pero neste ano se incorporarán dous novos axentes da policía local tras a convocatoria feita hai uns meses, e disporase de partida para atender aquelas necesidades que, por mor de subvencións conseguidas, teñan que ser atendidas polo Concello”.

Tamén se define a este orzamento como “realista tanto no que atinxe aos ingresos como aos gastos”. E incídese no capítulo inversor, que chega desta volta aos 689.000 euros, “o que significa dobrar a cantidade prevista no presuposto do ano 2014. A aportación para o proxecto da construción dun paso subterráneo baixo a vía do tren e a de case 203.000 para a ampliación da Edar son as máis importantes. No orzamento consta tamén a inversión de case que 73.000 euros para a terminación da R/ Valle Inclán, coa que se completará a renovación do entorno do Colexio Divina Pastora. Este proxecto –tanto o xa executado no ano 2014 como o previsto para
2015- tivo que ser asumido finalmente polo Concello, ante o incumprimento por parte da Consellería de Medio Ambiente para contribuír economicamente ao financiamento desta obra”, tal e como se recolle na memoria da alcaldía.

Asemade o Concello do Barco tamén aposta polo “mantemento dos servizos”. “Mantéñense polo tanto as partidas para os servizos, así como as axudas as entidades non gobernamentais, especialmente as benéficas, cun incremento a Asfaval, que recentemente abriu a súa residencia no municipio”.

Artigos relacionados

Back to top button